Presentación do ciclo ‘Cinema e estrelas’ | © Concello de Pontevedra

Cinco noites, cinco filmes; a receita clásica do ciclo ‘Cinema e estrelas’ dentro da programación festiva do verán pontevedrés

3 Xullo 2024

  • Cunha entrada libre e de balde, a Praza da Pedreira transformarase nunha sala de cinema ao aire libre entre o 9 e o 13 de xullo, a partir das 23.00 horas
  • ’20.000 especies de abellas’, ‘Yannick’, ‘Falcon Lake’, ‘Robot Dreams’ e ‘Fargo’ é a selección realizada polo Cineclube Pontevedra para este ano

A Praza da Pedreira volverá ser a mellor sala de cinema ao aire libre que Pontevedra poida desexar. O emblemático lugar da zona monumental acollerá entre o 9 e o 13 de xullo unha nova edición de ‘Cinema e estrelas’ o xa clásico ciclo cultural incluído dentro da programación das Festas do Verán da Boa Vila.

O Concello de Pontevedra promove a proxección de cinco filmes distintos a través das cinco xornadas de duración que definen este capítulo dentro do mes de xullo. A escolla realizada polo Cineclube Pontevedra volve ser unha escolla diversa e pensada para todos os públicos, onde, de seguro, haberá unha película que esperte interese a cada veciño e visitante da cidade.

’20.000 especies de abellas’, ‘Yannick’, ‘Falcon Lake’, ‘Robot Dreams’ e ‘Fargo’ conforman esa proposta fílmica que recolle cine internacional e estatal, e que mesmo aposta polo cinema para toda a familia e as crianzas como é o caso da obra de Pablo Berger.



Como é norma en todas as actividades programadas polo Concello de Pontevedra dentro do programa de Festas do Verán, trátase dunha actividade de acceso libre e de balde.

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, participou este mércores na presentación do ciclo agradecéndolle o traballo da asociación pontevedresa a Ramón Poza e Olalla Márquez — representantes do Cineclub Pontevedra— xa non só nesta proposta, senón ao longo de todo o ano a través dun labor exemplar e colectivo que os eleva como unha das agrupacións máis dinámicas e colaborativas da Boa Vila.

Os cinco filmes proxectaranse en versión orixinal co seu correspondente subtitulado. Todas as sesións comezarán ás 23:00 horas. A copia do sábado será en celuloide.


MARTES 9 DE XULLO

‘20.000 ESPECIES DE ABELLAS’ (Estibaliz Urresola Solaguren, 2023, 129 min., España).

  • Lingua orixinal: español, francés e euskera. +7 / Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero
  • Cocó ten 8 anos, non encaixa nas expectativas dos demais e non entende por que. Todos ao seu arredor insisten en lle chamar Aitor, mais non se recoñece nese nome. As vacacións na casa da súa avoa Lita e a súa tía Lourdes, estreitamente ligada á cría de abellas, mudará a vida de tres xeracións de mulleres da familia.
  • ‘20.000 especies de abellas’ é a primeira longametraxe de Estibaliz Urresola. Presentouse na Berlinale de 2023, onde Sofía Otero, con só 10 anos, gañou o Oso de Prata á mellor interpretación protagonista. No Festival de Málaga recolleu a Biznaga de Ouro ao mellor filme. Obtivo o Goya ao mellor guión, á mellor dirección novel e á mellor actriz de reparto. Foi recoñecida nos Premios Feroz de 2024 como mellor filme dramático.

MÉRCORES 10 DE XULLO

‘YANNICK’ (Quentin Dupieux, 2023, 64 min., Francia, VOSE).

  • Lingua orixinal: francés
  • Na escuridade da sala dun teatro, os actores están concentrados na representación da súa última estrea. Todo transcorre con normalidade ata que unha voz interrompe o espectáculo: Yannick (magnífico Raphaël Quenard), aburrido e decepcionado por unha obra que non satisfai as súas expectativas, decide interromper a actuación e facer públicas as súas queixas.
  • ‘Yannick’ foi premiado como mellor filme europeo no Festival de Locarno e foi a comedia con máis éxito de público en Francia no 2023. Dupieux agasállanos unha divertida sátira sobre as relacións entre artistas e espectadores nun espazo supostamente xerarquizado como é a sala de teatro.

XOVES 11 DE XULLO

‘FALCON LAKE’ (Charlotte Le Bon, 2022, 100 min., Francia-Canadá, VOSE).

  • Lingua orixinal: francés
  • Bastien é un adolescente parisino que pasa as vacacións coa súa familia nunha cabana ao pé dun lago quebequés. Alí atópase con Chloé, unha moza maior ca el coa que desenvolve un vínculo especial. Bastien terá que se enfrontar aos seus medos para conseguir un lugar no corazón de Chloé.
  • ‘Falcon Lake’ é o debut na dirección da actriz franco-canadense Charlotte Le Bon, que se baseou na novela gráfica Une sœur, de Bastien Vivés, para construír este coming-of-age estival rodado en 16 mm, que xoga cos códigos do terror e que foi estreado na Quincena de Realizadores de Cannes.

VENRES 12 DE XULLO

‘ROBOT DREAMS’ (Pablo Berger, 2023, 102 min., España-Francia).

  • Sen diálogos
  • Dog é un can solitario que vive en Manhattan. Un día decide construír un robot, un amigo. Ao ritmo do Nova York dos oitenta, a súa amizade medra e fanse inseparables. Unha noite de verán, Dog vese na obriga de abandonar a Robot na praia. Volverán a atoparse?
  • ‘Robot Dreams’ é o primeiro filme de animación de Pablo Berger: unha reflexión sobre a fraxilidade da amizade e o medo á soidade ambientada no Nova York dos 80, que se basea na novela gráfica homónima de Sara Vanon. Presentouse no Festival de Cannes e obtivo diversos recoñecementos no circuíto de festivais: foi nominado aos Oscar como mellor filme de animación, obtivo o Gran Premio Contrechamp en Annecy, o premio do público en Sitges, e fíxose cos premios á mellor comedia, música orixinal e cartel nos Premios Feroz de 2024.

SÁBADO 13 DE XULLO

‘FARGO’ (Joel Coen e Ethan Coen, 1996, 97 min., EE UU).

  • Proxección en 35 mm
  • Lingua orixinal: inglés
  • Un home apoucado e tímido, casado coa filla dun millonario que lle impide gozar da súa fortuna, decide contratar dous delincuentes para secuestrar a súa muller e montar un negocio propio cos cartos do rescate. Mais, por unha serie de azarosas circunstancias, ao secuestro súmanselle tres brutais asasinatos e a policía ten que intervir.
  • ‘Fargo’ é o filme máis aclamado de Joel e Ethan Coen. Gañou o Oscar ao mellor guión e á mellor actriz protagonista (Frances McDorman). No Festival de Cannes foi recoñecido co premio á mellor dirección. É sen dúbida unha das mellores crónicas negras da América profunda. Proxectarase en copia analóxica en 35 mm.
Está pasando!