Cinco obras de teatro e un espectáculo de danza para o reinicio da programación cultural no Auditorio de Vilagarcía

21 Febreiro 2021

A oferta cultural regresa ao Auditorio Municipal de Vilagarcía no mes de marzo a través das actuacións concertadas entre o Concello de Vilagarcía e a Agadic. O convenio para o primeiro semestre do ano inclúe cinco obras de teatro e un espectáculo de danza dos que os vilagarciáns poderán gozar nun recinto totalmente seguro e baixo o estrito cumprimento dos protocolos sanitarios.

O aforo redúcese a 100 prazas e o horario adiántase as 20:00 h. En previsión de posibles cambios nas restricións sanitarias, as entradas iranse poñendo á venta de forma gradual e a un mes vista. Así, o luns 22 de febreiro ábrese á venta para as representacións previstas para marzo.

A programación comeza o 6 de marzo co drama teatral ”Despois das ondas”, unha viaxe teatral pola vida da actriz galega María Casares. O espectáculo da compañía Butaca Zero sobre o texto de Ernesto ls e a dirección de Xabier Castiñeira obtivo o XVIII Premio “Rafael Dieste” de Textos Teatrais 2017 da Deputación da Coruña. Nerea Brey, Belén Constanla e Sonsoles Cordón soas as actrices protagonistas.

A segunda das representacións previstas para marzo, en concreto para o día 26, é a montaxe de De Ste Xeito Produción, “Feminísimas”. Trátase dunha comedia enmarcada nun congreso feminista que se celebra en Vigo e que, con humor, nos relata o distinto xeito que teñen tres amigas de entender o feminismo. Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco e Stephy Llaryora.

Xa en abril, o sábado 17 a comedia “32M2” arrancará os risos cun tema de moita actualidade, xa que a historia céntrase na experiencia dunha parella que, por mor dun virus, fican confinados no seu pequeno apartamento e como se as enxeñan para sobrelevar a situación. O día 30 de abril porase en escena o espectáculo de danza contemporánea “DeMente” da compañía de danza Fran Sieira.

O teatro regresa en maio con dous grandes e coñecidos actores galegos: Luis Iglesia e Marcos Orsi que, da man da compañía Culturactiva, representarán “Conexión Pingüín” outra comedia que nos fala do problema da incomunicación entre os humanos en tempos nos que nunca tantos medios de comunicación temos a nosa disposición.

A última das obras do convenio é a montaxe de teatro contemporáneo “O mel non caduca” da compañía Ibuprofeno. A previsión inicial era que esta representación tivese lugar o pasado 6 de febreiro, o que non puido ser debido ao peche das instalacións culturais ordenado polas autoridades en Galicia. Por iso, a nova data será o 13 de setembro.

As entradas para os espectáculos do convenio da Concellería de Cultura e a Agadic teñen un prezo de 5,00 euros para o público en xeral. As persoas maiores de 65 anos, a mocidade e as persoas desempregadas poden acceder co prezo reducido a 3,00 euros, previa acreditación da súa condición mediante presentación do DNI, carné xove e tarxeta do paro respectivamente.

As entradas pódense adquirir de forma anticipada a través de Ataquilla.com e non teléfono 902504500 (máis custes de xestión) ou, de non esgotarse antes, o mesmo día da función, a partir das 18:00 h. na billeteira do Auditorio.

Está pasando!