“City Lights”, de Charles Chaplin

Cine clásico, contos para bebés, intercambio de libros e moito máis na nova programación da Biblioteca de Poio

18 Setembro 2025

  • Raquel Queizás actúa este venres, día 19, no Casal de Ferreirós co seu espectáculo para bebés “Cambio e Conto”
  • Natalia Sabarís subliña que “estamos moi satisfeitos coa programación que ofrece a biblioteca, con propostas diferentes, moi atractivas e para todas as idades, que buscan achegar a cultura e a lectura a todos os públicos e fomenta a participación”

A Biblioteca Municipal de Poio lanza unha nova programación cultural para os últimos meses do ano, cun conxunto de propostas que apostan por fomentar a lectura, a creatividade e a participación cidadá.

Esta programación inclúe importantes novidades que reflicten o compromiso do Concello coa cultura, entre as que destacan un ciclo de cine clásico, contos para bebés, intercambio de libros e moitas máis propostas para todas as idades.

Desde a concellería de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, subliña que “estamos moi satisfeitos coa programación que ofrece a biblioteca, con propostas diferentes, moi atractivas e para todas as idades, que buscan achegar a cultura e a lectura a todos os públicos e fomenta a participación”. Neste senso, indica que “o Goberno quere que a Biblioteca Municipal sexa un espazo vivo e dinámico” e por iso anima “a toda a veciñanza a sumarse e participar en todas as actividades”.

A programación arranca este venres, día 19, no Casal de Ferreirós coa actuación de Raquel Queizás, actriz, monicrequeira, filóloga e contadora de historias, que presentará o seu espectáculo para bebés “Cambio e Conto” ás 17.30 horas.

Esta proposta inclúe contos tradicionais, lendas locais, adaptacións literarias e historias propias, sempre coa participación activa do público familiar, que se converte nun elemento fundamental da montaxe. O humor e a interacción son as claves deste espectáculo, que se ofrece con entrada gratuíta ata completar aforo, grazas ao apoio do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia.

En outubro, coincidindo coa celebración do Día Internacional das escritoras, o luns día 13, a Biblioteca Municipal acollerá o obradoiro “Escritoras”, un taller no que se lerán textos seleccionados pola bibliotecaria municipal para desfrutar da lectura conxunta de obras escritas por mulleres que son icono da literatura universal.

Xa o venres 24, Día internacional da Biblioteca, organizarase unha actividade para as familias, o “Gran Quiz”, un xogo educativo para poñerse a proba a través dun cuestionario.

Unha das grandes novidades desta programación será o Ciclo de Cine Clásico, que se organizará en novembro como unha actividade que pretende recuperar a memoria dos cines clubes e a súa importancia social e cultural. Inclúe a proxección de películas de cine familiar e clásicas todos os venres, ás 17.00 horas e con entrada de balde.

No baixo da Biblioteca Municipal proxectaranse títulos como “City Lights”, de Charles Chaplin; “El Verdugo”, de Berlanga; “A Night at the Opera”, dos irmáns Marx e “Singing in the rain”, de Gene Kelly.

Durante o mes de decembro terá lugar o Mercado Literario, unha iniciativa de intercambio de libros entre as persoas usuarias da biblioteca. Os participantes poderán entregar ata tres libros en bo estado e recibirán vales para trocar por outros títulos doados por outros participantes, promovendo así a reutilización e o espírito solidario da lectura.

Ademais, como edicións anteriores, na biblioteca tamén se colocarán centros de interese sobre escritoras, o samaín ou a loita e prevención contra a violencia machista, ademais de organizar a tradicional decoración de Nadal cos usuarios da biblioteca así como o sorteo da Lotería de Libros a finais de decembro, co agasallo dunha cesta de libro entre as persoas que realicen máis empréstito de libros durante o último mes do ano.

A maiores, tamén continúa o Reto Lector 2025, unha iniciativa que se desenvolve durante todo o ano e que está destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes.

Así, en setembro a proposta é unha biografía; un audiolibro en outubro; unha novela epistolar en novembro; e, para rematar o reto, un libro publicado na data do nacemento do participante para o mes de decembro.

Está pasando!