Todo á vez en todas partes (Daniel Kwan e Daniel Scheinert, 2022, EE UU) | © Cineclube Pontevedra

‘Cinema e Estrelas’ fai da Pedreira a mellor sala de proxeccións para gozar da sétima arte ao aire libre este verán

10 Xullo 2023

Até cinco sesións de cinema se ofrecerán de balde ao longo desta semana, destacando o seu potente inicio coa gañadora do último Óscar á mellor película, ‘Todo á vez en todas partes’

‘Alcarrás’, ‘Decisión to leave’, ‘O triángulo da tristeza’ e ‘Johnny Guitar’ configuran o resto de proxeccións do ciclo programado polo Cineclube de Pontevedra e promovido polo Concello


A sétima arte será unha das protagonistas nesta nova semana que comeza e na que Pontevedra continúa co seu Verán Fest.

‘Cinema e Estrelas’ fará da Praza da Pedreira unha sala de proxeccións ao aire libre, funcionando como un punto de encontro para a cultura, o ocio e os apaixonados polo celuloide.

A partir deste martes, 11 de xullo, e até o sábado, 15 de xullo, haberá unha proxección especial por día, ás 23.00 horas. «Comezamos a semana con moita potencia e con actividades moi variadas. ‘Cinema e Estrelas’ é un ciclo que repite, que xa é coñecido nas noites do verán pontevedrés, e que programa o Cineclube de Pontevedra, sendo unha mostra máis de que estas festas facémolas entre todos e todas, sendo a Boa Vila unha cidade que se volca tamén co traballo previo que levan todos estes programas», sinalou o edil de Festas, Demetrio Gómez.

Presentación do ciclo ‘Cinema e Estrelas’ | © Olalla Lojo

Representando ao Cineclube Pontevedra, Ramón Poza e Olaia Márquez, expuxeron polo miúdo un programa de altísimo interese, no que «tentamos ofrecer uns filmes cun público máis amplo do que habituamos programar o resto do ano, mais non por iso renunciamos á calidade e á coherencia do que entendemos por cinema».

Así, o programa completo deste ano é o seguinte:

  • Martes, 11 de xullo – ‘Todo á vez en todas partes’ (2022)
  • Mércores, 12 de xullo – ‘Alcarrás‘ (2022)
  • Xoves, 13 de xullo – ‘Decision to leave’ (2022)
  • Venres, 14 de xullo – ‘O triángulo da tristeza’ (2022)
  • Sábado, 15 de xullo – ‘Johnny Guitar’ (1954)

Todas as cintas serán proxectadas en versión orixinal subtitulada ao castelán, destacando a proxección de ‘Johnny Guitar’ en 35 milímetros, un feito cada vez máis complexo de ver.

Está pasando!