Presentación do ciclo ‘Cinema e Estrelas’ | Concello de Pontevedra

‘Cinema e Estrelas’, gozar da sétima arte baixo o ceo pontevedrés

7 Xullo 2025

  • O programa das Festas de Verán inclúe un ano máis a proxección de cinco sesións de cinema ao aire libre da man do Cineclube de Pontevedra
  • Entre os días 8 e 12 de xullo, será posíbel gozar de balde e na Praza da Pedreira, a partir das 23.00h dunha programación de luxo e diversa

A Praza da Pedreira volverá ser un refuxio para o cinema de calidade ao aire libre. Da man do Concello de Pontevedra e do Cineclube de Pontevedra, o ciclo ‘Cinema e Estrelas’ volve formar parte da programación especial de verán, cun total de cinco xornadas nas que veciñanza e visitantes poderán vivir esa experiencia espectacular que é vivir a sétima arte baixo o ceo nocturno.

Tal e como deu conta o concelleiro de Cultura e Festas, Demetrio Gómez, acompañado de Ramón Poza, presidente do Cineclube, e Olaia Márquez, responsábel de programación, ‘Cinema e Estrelas’ contará cunha programación «para todos os públicos», no sentido da súa diversidade á hora de ofrecer obras de distinto tipo e estilo.

Todas as proxeccións comezarán ás 23.00 horas na Praza da Pedreira e, por suposto, serán de balde. Iniciaranse este martes 8 e rematarán o sábado 12 de xullo.

MARTES 8

‘Flow, un mundo que salvar’ – Gints Zilbalodis, 2024, Letonia, 83 min., VO. Apta para todos os públicos.

Distintivo do ICAA “Especialmente recomendada para a infancia”.

Sinopse: Un gato espértase nun mundo cuberto de auga, onde a raza humana parece desaparecer. Busca refuxio nun barco cun grupo doutros animais. Pero levar ben con eles resulta ser un reto aínda maior que superar o seu medo á auga. Todos terán que aprender a superar as súas diferenzas e adaptarse a este novo mundo no que se atopan. (FILMAFFINITY)

MÉRCORES 9

‘Bird’ – Andrea Arnold, 2024, Reino Unido, 118 min., VOSG. Non recomendada para menores de 16 anos.

Sinopse: Bailey, de 12 anos, vive co seu pai solteiro Bug e o seu irmán Hunter nunha casa ocupada do norte de Kent. Bug non ten moito tempo para os seus fillos e Bailey, que se achega á puberdade, busca atención e aventuras pola súa conta. (FILMAFFINITY)

XOVES 10

‘Crossing’ – Levan Akin, 2024, Suecia, 105 min, VOSE. Non recomendada para menores de 12 anos.

Distintivo do ICAA “Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero”.

Sinopsis: Lia, unha profesora xubilada, prometeu atopar á súa sobriña Tekla, perdida hai moito tempo. A súa procura lévaa a Istambul, onde coñece a Evrim, unha avogada que loita polos dereitos das transexuais, e Tekla empeza a sentirse máis preto que nunca. (FILMAFFINITY)

VENRES 11

‘Unha historia verdadeira’ – David Lynch, 1999, EUA, 116 min., VOSE. Apta para todos os públicos.

Sinopse: Alvin Straight (Richard Farnsworth) é un achacoso ancián que vive en Iowa cunha filla discapacitada (Sissy Spacek). Ademais de sufrir un enfisema e perda de visión, ten graves problemas de cadeira que case lle impiden permanecer de pé. Cando recibe a noticia de que o seu irmán Lyle (Stanton), co que está posto a mal desde fai dez anos, sufriu un infarto, a pesar do seu precario estado de saúde, decide ir velo a Wisconsin. Para iso terá que percorrer uns 500 kilometros, e faio no único medio de transporte do que dispón: unha máquina cortacésped. (FILMAFFINITY)

SÁBADO 12 – SESIÓN EN 35 MM

‘Os paxaros’ – Alfred Hitchcock, 1963, EUA, 119 min., VOSE. Proxección de copia en 35 mm. Apta para todos os públicos.

Sinopse: Melanie, unha moza rica e snob da alta sociedade de San Francisco, coñece casualmente nunha paxareira ao avogado Mitch Brenner. El, que coñece pola prensa a aloucada vida de Melanie, trátaa con indiferenza e vaise da tenda deixándoa bastante irritada. Ela, que non está afeita a que a traten así, encarga uns periquitos e preséntase na casa da nai de Mitch, en Adega Bay. En canto chega, os paxaros, toleados, empezan a atacar salvajemente aos habitantes do lugar. A situación agrávase a medida que avanzan as horas. (FILMAFFINITY)

Está pasando!