Comeza a reserva de stands para Culturgal 2022: a Feira convida a empresas e axentes do sector cultural a ser parte da 15ª edición

16 Setembro 2022

  • Desde o venres 16 de setembro xa se pode reservar espazo e presentar propostas para a programación
  • O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle Culturgal do 24 ao 27 de novembro; a primeira xornada estará dirixida exclusivamente a empresas e profesionais

Venres 16 de setembro ás 16:00. Estas son data e hora escollidas para comezar a reserva de stands cos que empresas, entidades e axentes culturais poden participar na décimo quinta edición da Culturgal.

Neste ano, impulsada pola nova dirección da Feira coa produtora Eva Alonso e polo especial aniversario a celebrar, o evento renóvase tanto no deseño espacial como no deseño da programación.

A venda de stands permanecerá aberta até esgotar existencias ou, no seu defecto, ata o 31 de outubro como data máxima de contratación. Culturgal 2022 tamén se abre este 16 de setembro ás propostas para a programación xeral do evento.

Todas as xestións de empresas e axentes coa Feira poden facerse a través da web cultur.gal. As entidades e persoas interesadas nun espazo físico nesta décimo quinta edición poden escoller a súa situación no recinto feiral. O deseño espacial en 2022 ten en conta a venda directa ou non dos expositores, e establece uns criterios específicos para stands dedicados á artesanía e tamén para os situados no Espazo Arte.

Culturgal mantén prezos e, tamén, mantén descontos por pertenza a algunha das Asociacións Culturgal (AGAPI, AGE, Eganet, Escena Galega, Asociación Galega de Editoras), por “madrugar” na reserva (facela antes do 2 de outubro) e, tamén, pola fidelidade nas últimas edicións. As empresas e institucións que cada ano reservan espazo na Culturgal son o motor da Feira e a organización da mesma aspira a que os obxectivos comerciais e de visibilidade de empresas, asociacións e artistas se cumpran.



Espazos de programación

Tamén hai renovación no deseño da programación da Feira en 2022. Se ben os escenarios principais da Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra serán os habituais das últimas edicións: Auditorio (dedicado ás artes escénicas e musicais), Salón de Actos (cinema e proxectos audiovisuais), Espazo Profesional, Espazo Libro, Espazo Infantil e Espazo Arte, son estes tres últimos os que se abren a propostas na convocatoria, que arranca tamén o venres 16 de setembro.

A directiva da Culturgal xunto coa dirección deseñou durante o verán boa parte da programación, con motivo da celebración especial do 15º aniversario e do obxectivo de fortalecer a dimensión profesional da Feira.

Eva Alonso, na dirección da Feira desde o mes de maio, reseña o como obxectivo “unha programación que prima a calidade e a novidade por riba de cantidade de actividades”. Porén, destaca o carácter comunitario e colaborativo da Feira, que abre un proceso de selección para actividades nos espazos Libro, Infantil e Arte, que pecha o 16 de outubro. Aquelas entidades e empresas que reservan stand teñen prioridade na valoración das propostas de actividades presentadas.

Culturgal celébrase do 24 ao 27 de novembro. O xoves 24 de novembro a Feira celebrará unha xornada dedicada exclusivamente a profesionais, empresas e asociacións sectoriais. Nas próximas semanas Culturgal presentará aos medios de comunicación o seu lema e imaxe gráfica para o 15º aniversario así como algunhas sorpresas e novidades na programación xeral. Faráo en Pontevedra xunto os seus patrocinadores institucionais: AGADIC-Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra.

A organización da Culturgal corre a cargo da asociación do mesmo nome integrada por Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Está pasando!