‘3 bodas de más’ | Atresmedia Cine

As actividades previas dos Feroz 2026 comezan co ciclo de proxeccións ‘A comedia segundo os Feroz’

19 Setembro 2025

  • A comedia será o fío condutor das actividades previas en setembro e outubro dos Premios Feroz 2026.
  • Os días 27 e 28 de setembro e 4 e 5 de outubro proxéctanse catro comedias no Teatro Principal a partir das 18.30 horas.
  • Todas as proxeccións son de balde pero débense retirar as entradas na caseta de turismo sete días antes da película. Para “3 bodas de más” xa se poden retirar mañá mesmo.

Para arrincar a nova edición dos Feroz, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá o ciclo de proxeccións titulado ‘A comedia segundo os Feroz’, composto por diferentes cintas gañadoras e nomeadas ao premio Feroz a mellor película de comedia: “3 bodas de más”, “Carmina y Amén”, “Seis días corrientes” e “Competencia oficial”.

As sesións darán comezo ás 18:30 horas, pero a apertura de portas será unha hora antes.

As entradas a todas as sesións son gratuítas previa retirada de localidades na oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra, desde sete días antes de cada actividade e até completar o aforo. Máximo 4 entradas por persoa.

‘3 bodas de más’ | Atresmedia Cine

‘3 bodas de más’| Sábado 27 de setembro

Inma Cuesta, Quim Gutiérrez, Martiño Rivas, Paco León e Berto Romero protagonizan esta comedia romántica de Javier Ruiz Caldera que en 2014, na primeira edición dos Feroz, alzouse como Mellor Comedia do ano para os socios da AICE.

Ruth (Inma Cuesta), unha moza investigadora nunha universidade, asiste ás sucesivas vodas dos seus ex, dos que foron os “homes da súa vida”, sen que ela consiga atopar á súa media laranxa.

Hai algo peor que o teu ex noivo case con outra e che convide á súa voda? Si, que che pase tres veces nun mes, non saber dicir que non, e que o único ao que consigas convencer para que che acompañe sexa o teu novo bolseiro.

Un cóctel explosivo para Ruth, que terá que enfrontarse ao seu pasado e decidir con quen quere compartir o seu futuro.

Duración: 94 min.

‘Carmina y amén’ | Bodega Films

‘Carmina y amén’ | Domingo 28 de setembro

Segunda longametraxe de Paco León como director no que demostrou o que xa se albiscaba na súa ópera prima: que outra forma de facer comedia é posible.

Con Carmina Barrios, María León, Paco Casaus e Yolanda Ramos en estado de graza, a película alzouse co Feroz a Mellor Comedia 2014 (de 7 nomeamentos) e no Festival de Málaga logrou os premios á Mellor guión e á Mellor actriz de reparto (Ramos).

Tras a súbita morte do seu marido, Carmina convence á súa filla María de non dar parte da defunción ata pasados dous días e así poder cobrar a paga extra que el tiña pendente. Durante eses dous días esconden o cadáver e disimulan o seu duelo na cotiandade dun bloque de pisos dun barrio humilde de Sevilla.

Duración: 100 min.

‘Seis días corrientes’ | Distinto Films

‘Seis días corrientes’ | Sábado 4 de outubro

A terceira película de Neus Ballús explora os límites entre a ficción e o documental con actores non profesionais que se interpretan no seu día a día. Baixo unha capa de humor e cotiandade, as seis historias que conforman o filme esconden unha profunda reflexión sobre os prexuízos que se activan cando nos vemos obrigados a convivir con alguén distinto a nós.

Nomeada a Mellor Comedia nos Feroz 2022, alzouse con cinco Premios Gaudí e no Festival de Locarno logrou os premios a Mellor actor para Mohamed Mellali e Valero Escolar e tamén o Premio Europa Cinemas Label.

O día a día da vida de Moha, Valero e Pep, traballadores dunha pequena empresa de fontanería e electricidade na periferia de Barcelona. Durante unha semana Moha, o máis novo, terá que demostrar que está preparado para substituír a Pep, que se xubila. Pero Valero considera que Moha “non dá o perfil”, e dubida de que os clientes acepten a un traballador marroquí nas súas casas.

Duración: 85 min.

‘Competencia oficial’ | The Mediapro Studio

‘Competencia oficial’ | Domingo 5 de outubro

Esta coprodución hispano-arxentina dirixida por Gastón Duprat e Mariano Cohn, reúne nin máis nin menos que a Antonio Banderas, Penélope Cruz, Óscar Martínez, Irene Escolar, José Luis Gómez, Manolo Solo, Pilar Castro…

Cinema dentro do cinema e humor negro que se fixo co Premios Feroz 2023 á Mellor comedia.

En busca de transcendencia e prestixio social, un empresario multimillonario decide facer unha película que deixe pegada. Para iso, contrata aos mellores: un equipo estelar formado pola celebérrima cineasta Lola Cuevas (Penélope Cruz) e dous recoñecidos actores, donos dun talento enorme, pero cun ego aínda máis grande: o actor de Hollywood Félix Rivero (Antonio Banderas) e o actor radical de teatro Iván Torres (Óscar Martínez).

Ambos son lendas, pero non exactamente os mellores amigos. A través dunha serie de probas cada vez máis excéntricas establecidas por Lola, Félix e Iván deben enfrontarse non só entre si, senón tamén cos seus propios legados.

Duración: 114 min.

Está pasando!