Como é tradicional por estas datas, o Ateneo Santa Cecilia colabora co Concello de Marín, e organiza un Concurso de Orellas e Filloas

9 Febreiro 2024

A celebración do Concurso de Orellas e Filloas terá lugar o día 13 de febreiro, martes de Entroido, no local social do Ateneo Santa Cecilia (Rúa do Forno, 42- Baixo) e poderán presentarse todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que demostren non ter incorrido en faltas disciplinarias ó longo destes últimos cen anos de honradez e non estar coligados en charangas populares.

A cantidade mínima para que o Xurado poida deliberar será de trece unidades, xa sexan orellas ou filloas, que serán presentadas no Ateneo, entre as 18:00 e as 19:00 horas do mesmo martes 13 de febreiro. As devanditas filloas ou orellas, deberán presentarse acompañadas dun sobre pechado que conteña o nome da/o participante, o seu enderezo e o seu número de teléfono.



A preparación das filloas e orellas poderá facerse segundo o criterio das/os participantes, pero presentándose sempre na súa forma tradicional. As orellas terán forma de orella, e as filloas con forma de filloa.

As lambonadas presentadas ó concurso quedarán en propiedade da entidade organizadora, que se reserva o dereito de distribuílas entre o público asistente trala deliberación.

O Xurado estará composto por persoas designadas pola Xunta Directiva do Ateneo Santa Cecilia e, o fallo, que será xusto e inapelable, darase a coñecer o mesmo día do concurso, a partir das 20:00 horas.

Está pasando!