Yoly Saa e Demitrio Gomez presentan o ciclo ‘Con voz de muller’ | Concello de Pontevedra

’Con voz de muller’, talento musical feminino nas Festas de Verán de Pontevedra

24 Xullo 2025

A pontevedresa Yoli Saa pechará este ciclo musical, o vindeiro 3 de agosto, contando desde o día 30 de xullo coas cancións de Ugía Pedreira, Mercedes Peón, Bouba das Vellas e Ana Tijoux


‘Con voz de muller’ é xa un ciclo con nome de seu dentro da programación especial de verán na cidade de Pontevedra.

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, lembra que os cinco concertos incluídos nesta proposta desenvolveranse entre o 30 de xullo e o 3 de agosto, na Praza da Ferraría, comezando sempre ás 20.30 horas. Por suposto, serán de balde e abertos a todo o mundo.

«Cando se observa a programación musical da maioría de festivais e cidades dá a impresión de que as mulleres quedan para atrás nos cartaces. Pontevedra non quere iso. Pontevedra cre que as políticas feministas deben chegar a todos os eidos da programación, por iso ‘Con voz de muller’ é un dos ciclos que máis queremos e que máis ilusión nos fai», explicou.

«A Ferraría é un espazo especial, cunha beleza única, na que poderemos escoitar, a través destas mulleres, unha variedade incríbel de voces, sentimentos e cancións».

O cartel deste ano está composto por Ugía Pedreira, Mercedes Peón, Bouba das Vellas, Ana Tijoux e pola pontevedresa Yoli Saa, presente na rolda de prensa. Ademais, a programación do ciclo complétase con pasarrúas da man de bandas compostas por mulleres.

Saa explicou que agarda que o seu público poida «chorar e bailar… E todo á vez». Trátase dun concerto especial para a artista nada na Boa Vila, que nos últimos anos experimentou un recoñecemento cada vez maior cara ao seu talento e as súas cancións, e que presentará o seu segundo disco, ‘Már de Árdora’, baixo o brazo, logo de abrir para Alanis Morissette, na Coruña, apenas hai unhas semanas; ou compoñer para Malú ou Luz Casal.

A programación do ciclo ‘Con voz de muller’ é a seguinte:

MÉRCORES 30 DE XULLO

  • 20.30 h. Pasarrúas de Troula Funky Party
  • 22.30 h. Concerto de Ugia Pedreira

XOVES 31 DE XULLO

  • 20.30 h. Pasarrúas dos Gaiteiros das Rías Baixas
  • 22.30 h. Concerto de Mercedes Peón

VENRES 1 DE AGOSTO

  • 20.30 h. Pasarrúas de Bicoia
  • 22.30 h. Música e narración oral: ‘Bouba das Vellas’. Atenea García, Vero Rilo e Bouba Pandeireteiras

SÁBADO 2 DE AGOSTO

  • 20.30 h. Pasarrúas de Latexo Percusión
  • 22.30 h. Concerto de Ana Tijoux

DOMINGO 3 DE AGOSTO

  • 20.30 h. Pasarrúas da charanga Brassica Rapa
  • 22.30 h. Concerto de Yoli Saa
Está pasando!