Presentación do ciclo ‘Con voz de Muller’ | © Concello de Pontevedra

‘Con voz de Muller’, un ciclo musical que amosa unha «representación excelente do potencial feminino na música galega»

1 Agosto 2023

  • A programación do Pontevedra Verán Fest avanza cunha aposta de tremenda calidade ao vivo cos concertos de Fillas de Cassandra, A banda da Loba, Leilía e SÉS
  • A Praza da Ferraría acollerá un concerto por día desde o xoves, 3 de agosto, até o domingo, 6 de agosto, ás 22.30 horas

‘Con voz de Muller’ é a seguinte parada musical dentro dos diferentes ciclos artísticos, de animación e musicais que compoñen o Pontevedra Verán Fest. O edil de Festas, Demetrio Gómez, presentou esta mañá a programación do mesmo acompañado de Estela Rodríguez, violinista en A banda da Loba.

O ciclo, conformado por catro concertos, iniciarase este xoves, 3 de agosto, e rematará o domingo, 6 de agosto, ofrecendo unha actuación por día na Praza da Ferraría, ás 22.30 horas.

«Son catro estilos distintos pero as catro artistas ou bandas están relacionadas arredor da vida e tradicións das mulleres galegas», indicou Gómez. «’Con voz de muller’ é unha representación excelente do potencial feminino galego na música contemporánea».

A programación completa por días é a seguinte:

  • Xoves, 3 de agosto – Fillas de Cassandra
  • Venres, 4 de agosto – A banda da Loba
  • Sábado, 5 de agosto – Leilía
  • Domingo, 6 de agosto – SÉS

Pola súa banda, Estela Rodríguez indicou o seu agradecemento ao Concello de Pontevedra ao seguir apostando por este tipo de ciclos, potenciando e visibilizando o papel da muller da muller dentro da música galega. «Son iniciativas necesarias que oxalá deixen de selo algún día, pero queda camiño por recorrer nese sentido. É un pracer compartir este cartaz con artistas e amigas as que admiramos», explicou.


Está pasando!