Concertos reducidos en San Antón, actividades acuáticas e obradoiros familiares de reciclaxe: Sinsal presenta a programación paralela ao cartel de San Simón
16 Xuño 2022
- O festival, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo no arquipélago redondelán, recupera este verán as tradicionais actividades paralelas á programación musical, que se dirixen a todos os públicos e que inclúen microconcertos acústicos
- A edición de 2022 conta con todos os abonos e entradas esgotadas, agás no caso dos tiquets da programación do venres 22, que aínda é posible adquirir tanto desde o embarcadoiro de Vigo coma de Meirande (Centro de Interpretación de Rande)
O festival Sinsal SON Estrella Galicia ultima detalles da súa nova edición, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na illa de San Simón, na ría de Vigo. O evento, promovido por Sinsalaudio, dá hoxe a coñecer a programación de actividades paralelas que terán lugar durante o evento. Microconcertos acústicos e para público reducido na illa de San Antón, actividades acuáticas de pedal surf e obradoiros creativos familiares son algunhas das iniciativas que o público que asista ao Sinsal SON Estrella Galicia 2022 poderá gozar durante a celebración do festival, para o que xa están todos os abonos esgotados así como as entradas do sábado 23 e domingo 24.
Precisamente estes dous últimos días serán nos que se celebren os concertos acústicos na illa de San Antón (á que se accede desde San Simón a través da ponte). Sinsalaudio recupera este ano o escenario da emblemática illa para ofrecer microconcertos singulares, baixo a denominación “San Antón Acústico”, que terán lugar ao longo da xornada, pero que serán para asistentes limitados: unha parella, unha familia ou un grupo de 4-6 persoas como máximo. Serán actuacións moi especiais e exclusivas, con agrupacións galegas que se incorporan ao cartel de Sinsal SON Estrella Galicia pero que unicamente ofrecerán actuacións neste formato.
O sistema de acceso a estes concertos -para os que é imprescindible contar con abono ou entrada tando do sábado 23 coma do domingo 24- darase a coñecer nas vindeiras semanas a través das redes sociais de Sinsalaudio e da páxina web festival.sins.al
Pedal surf
Unha das propostas máis singulares desta edición será a posibilidade de gozar, desde a auga, do festival Sinsal SON Estrella Galicia. Ao longo de toda a fin de semana terán lugar diferentes rutas en pedal surf arredor do perímetro da illa para coñecer máis de perto o seu patrimonio natural. Trátase dunha actividade náutica innovadora e 100% sostible, na que as e os participantes poden practicar este deporte á vez que escoitan os concertos desde unha táboa estable e segura desde o primeiro momento: pódese participar nesta actividade sen necesidade de coñecemento previo.
A iniciativa realizarase durante o horario de desenvolvemento do festival, na tarde do venres 22 e tanto en horario de mañá coma de tarde o sábado 23 e o domingo 24. O percorrido en pedal surf, duns 30 minutos de duración aproximadamente, realizarase en grupos reducidos, dun máximo de 10 persoas, acompañadas dunha guía experta da empresa galega Galping. A actividade poderase realizar en familia ou grupos e os tiquets xa se poden reservar, anticipadamente, a través da web galping.com/reservas/. As nenas e nenos menores de 9 anos poderán acompañar ás nais e pais de xeito gratuíto; mentres que a partir dos 10 anos o prezo será de 15 euros por persoa, 25 euros por parella ou de 10 euros para grupos de 4 a 10 persoas.
Para poder asistir á actividade de pedal surf será imprescindible saber nadar, facer uso do chaleco salvavidas e, no caso de menores, que estean acompañados da ou do titor legal – no caso de máis de 16 anos, que conten con autorización asinada-. Todas as condicións para poder participar da iniciativa -entre as que destaca contar obviamente con entrada para Sinsal SON Estrella Galicia- pódense consultar no web festival.sins.al/.
Obradoiro interxeracional colaborativo
Outra das propostas dirixidas ao público familiar, especialmente ao público máis novo, terán lugar nas tardes do sábado 23 e 24. Serán os obradoiros LIMBO, unha acción performativa na que o público poderá estabelecer un diálogo creativo e aberto entre distintas xeracións. No taller, que será gratuíto, as e os asistentes construirán e deseñarán de forma autónoma distintas escenografías a través da reutilización de pezas de madeira e outros materiais de refugallo, de forma individual e colectiva. Todos os elementos que se utilizarán, ademais, proceden de carpinterías e negocios locais, que se transformarán de forma manual especificamente para esta proposta, que pretende formentar a cultura da reciclaxe.
Os obradoiros LIMBO realizaranse na capela de San Simón, espazo no que se poderán realizar as inscricións na mesma xornada, tanto do sábado coma do domingo. Todos os talleres comezarán ás horas en punto (entre as 15.00 e as 19.00 horas) e terán unha duración dunha hora.
Entradas á venda para asistir o venres 22
O público que estea interesado en asistir a Sinsal SON Estrella Galicia aínda pode facelo: todavía é posible adquirir entradas por día para gozar do festival o venres 22, xornada na que haberá percorridos de padel surf. Esta modalidade de entradas por xornada, que tamén inclúen o traslado á illa de San Simón desde Vigo ou Meirande, están dispoñibles a través da plataforma Enterticket. Os horarios de barcos e prezos están dispoñibles na páxina web festival.sins.al, na que toda a información estará permanentemente actualizada para consulta do público.
Sinsal SON Estrella Galicia
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo.
Ao longo destas dúas décadas, Sinsalaudio xerou un ecosistema único no panorama de eventos musicais e, desde 2010, celebra o Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón, do que salienta o seu cartel: un programa secreto para as e os asistentes, que confían no criterio de Sinsalaudio para gozar das creacións máis estimulantes e vangardistas. Na súa edición de 2022, na que celebra o seu viséximo aniversario, Sinsal SON Estrella Galicia mantén o seu tradicional cartel secreto. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas, en canto a estilo e orixe das bandas e artistas, cunha única actuación por grupo. Destas bandas, chegadas de diferentes continentes, o 90% actuarán por vez primeira en Galicia.