Conta atrás para a Gala dos VII Premios Martín Códax da Música Galega

20 Outubro 2020

Tras unha longa espera e un cambio de data forzado por mor da Covid-19 os Premios Martín Códax da Música Galega celebrarán o seu día grande o próximo mércores 21 de outubro ás 21:00 h.

Como en edicións anteriores o Pazo da Cultura de Pontevedra será o encargado de acoller este evento.

Debido a que a normativa sanitaria vixente na cidade limita a 60 o número de asistentes a eventos en espazos pechados, nesta ocasión a Gala non será aberta ao público e só poderán estar presentes no Pazo un representante de cada proxecto finalista desta edición.

As persoas que queiran seguir o evento en tempo real, poderán facelo a través da retrasmisión en streaming que se poderá ver nas páxinas web premiosmartincodaxdamusica.gal e de La Voz de Galicia.

Unha vez máis Músicas ao Vivo configurou un excelente equipo artístico para crear o deseño da Gala. Nesta edición o actor e director teatral Gustavo Dieste será o encargado da dirección artística mentres que a presentación e condución virá da man da actriz e cantante Inés Salvado Gontad. Por suposto non poderá faltar a música ao vivo, recaendo este ano a dirección musical no saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas, que creou para a ocasión un excepcional sexteto.

A pesar do complicado da actual situación as risas estarán aseguradas nunha gala na que non faltarán as alusións a como está afectando a xestión da pandemia ao sector.

Exitosa edición en tempos de pandemia

A pesar da complicada situación que os Premios tiveron que afrontar este ano, as case seiscentas inscricións de proxectos que se presentaron – 139 máis que na edición anterior – demostra que o sector musical galego desborda talendo e cantidade de proxectos.

Todas as categorías aumentaron en volume de propostas, e algunhas delas chegaron de lugares tan insospeitados como Holanda, Sacramento, Cardiff, Saxonia ou Taiwan, só por nomear algúns.

Estas cifras non fan máis que reafirmar que a música galega sabe repoñerse e plantar cara a calquera situación, e que o seu potencial non ten límites. Por iso dende Músicas ao Vivo non dubidaron en pensar unha nova formulación da Gala para non deixar de recoñecer neste 2020 á nosa música.

Está pasando!