Robert Lakatos | © Afundación

Continúa a Tempada de Música Clásica no Teatro Afundación Vigo

9 Marzo 2022

Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa coa súa Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo. A tempada desenvolverase ata finais de maio no Teatro Afundación de Vigo. Inclúe cinco concertos a cargo da Real Filharmonía de Galicia, baixo as batutas de Joana Carneiro, Lars Vogt, Manuel Hernández-Silva, Simone Menezes e Paul Daniel; tres da Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixidos por Stanislav Kochanovsky, Thierry Fischer e Pablo González; e un recital a cargo da Orquesta Barroca de Tenerife, coa dirección de Alfonso Sebastián.

Con dirección de Manuel Hernández-Silva e violín de Robert Lakatos, a Real Filharmonía de Galicia estará no Teatro Afundación Vigo o 16 de marzo ás 20.00 h cun recital titulado no que Mijaíll Glinka, Henryk Wieniawski e Vasily Kalinnikov serán os compositores que guiarán os acordes desta cita cultural.

A Tempada de Clásica está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal a entidade invita todas as persoas que asistan a este espectáculo a colaborar con esta campaña solidaria. Trátase dunha iniciativa de apoio a Ucraína no marco do proxecto «Cultura por alimentos» que, a raíz do drama humanitario que se vive neste país, se implica tamén coas persoas refuxiadas e a súa cidadanía. Afundación invita os asistentes ao acto a que, seguindo as recomendacións das entidades que están a traballar sobre o terreo, entreguen prioritariamente alimentos precociñados e latas de conserva, alimentos infantís, produtos hixiénico-sanitarios infantís e femininos e medicamentos e material de primeiros auxilios, que poderán depositar á entrada do recinto nos colectores dispostos para este fin.

Co compromiso de seguir promovendo as actividades culturais como un mecanismo fundamental para o progreso persoal e social, Afundación estableceu un esixente protocolo de medidas que permitan á cidadanía gozar de eventos de primeira orde coas maiores garantías de seguridade sanitaria.

A PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS

Todos os recitais incluídos na Tempada de Música Clásica terán lugar no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.00 h.

A batuta de Thierry Fischer dirixirá a Orquesta Sinfónica de Galicia, acompañada polo violín de Philippe Quint, o 31 de marzo ás 20.00 h, nun recital de obras de Erich Wolfgang Korngold (Concerto para violín en re maior, op. 35) e Jean Sibelius (Sinfonía núm. 1 en mi menor, op. 39).

O 19 de abril, a Orquesta Barroca de Tenerife ofrecerá un recital de «Barroquísimo» con dirección de Alfonso Sebastián; contrabaixo barroco e concertino de Lorena Padrón; violíns barrocos de Laura Díaz, Juan Carlos Gómez e Giovanni Déniz; frauta travesa, Pablo Sosa; viola barroca, Iván Sáez; violonchelos barrocos, Fernando Santiago e Elsa Pidre; e contrabaixo, Tomás López. Johann Sebastian Bach será o compositor representado nesta ocasión.

A batuta de Simone Menezes dirixirá á Real Filharmonía, acompañada pola soprano Camila Titinger, o 13 de maio ás 20.00 h, nun recital de obras de Heitor Villa-Lobos (Bachianas brasileiras núm. 4, preludio), Philip Glass (Augas da Amazonia) e Heitor Villa-Lobos (Suite de Floresta do Amazonas).

A Real Filharmonía de Galicia, con dirección de Paul Daniel, actuará o 20 de maio ás 20.00 h. O recital, «Unha viaxe fantástica» consistirá na interpretación de pezas de Octavio Vázquez (Ilusións) e de Hector Berlioz (Sinfonía fantástica, op. 14. Episodio da vida dun artista).

Finalmente, a batuta de Pablo González dirixirá a Orquesta Sinfónica de Galicia, acompañada pola viola de Nils Mönkemeyer, o 26 de maio ás 20.00 h, nun recital de obras de Hector Berlioz (Harold en Italia, op. 16) e Maurice Ravel (Daphnis et Chloé: suite núm. 2).

Está pasando!