‘Un monde’, Laura Wandel, 2021

Continúa o cinema durante o mes de novembro no Cineclube Pontevedra con traballos de Laura Wandel, Chema García Ibarra, Hong Sangsoo, Ted Fendt, Chaplin e Cocteau

28 Outubro 2022

Continúa o cinema durante o mes de novembro no Cineclube Pontevedra, con traballos de Laura Wandel, Chema García Ibarra, Hong Sangsoo e Ted Fendt nas sesións dos martes; e con Chaplin e Cocteau nos Luns de Filmoteca, organizados en colaboración coa Filmoteca de Galicia.


MARTES 8  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘Un pequeno mundo’

‘Un monde’, Laura Wandel, 2021, Bélxica, 97′, VOSE

Lingua orixinal: francés

Nora comeza a primaria ao tempo que descobre o acoso que sofre o seu irmán maior, Abel. Nora debátese entre obedecer o seu pai, que a anima a actuar, e a necesidade de integrarse do seu irmán, que lle pide gardar silencio: un terrible conflito de lealdade. Nora debe atopar o seu lugar entre o mundo das crianzas e o das persoas adultas.

‘Un pequeno mundo’ é a ópera prima da directora belga Laura Wandel, que nos propón unha profunda e durísima inmersión no universo escolar.

  • Cannes 2021 Premio Fipresci – Un Certain Regard

LUNS 14 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘Luces da cidade’

‘City Lights’, Charles Chaplin, 1931, EUA, 82′, VO

*Sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia

Deambulando pola cidade, un vagabundo coñece unha pobre florista cega, da que namora completamente. Co obxectivo de axudala, acepta unha chea de traballos e situacións variadas mentres se fai amigo dun excéntrico millonario que só o recoñece cando está bébedo.

Escrita, dirixida e interpretada por Charles Chaplin, en Luces da cidade, a amizade e as clases sociais non sempre son o que parecen. Un relato cheo de escenas memorables, que mestura o humor máis hilarante coa tenrura e tristeza máis conmovedora.


MARTES 15  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘Espirítu sagrado’

Chema García Ibarra, 2021, España, 97′, VO

José Manuel e mais o resto de membros da asociación ufolóxica Ovni-Levante reúnense semanalmente para intercambiar información sobre mensaxes extraterrestres e abducións. Julio, o seu líder, morre inesperadamente, deixando como único coñecedor do segredo cósmico que pode alterar o porvir humano a José Manuel. Mentres tanto, en España búscase unha nena desaparecida semanas atrás.

  • Locarno 2021 Mención Especial
  • Mar del Plata 2021 Premio Especial do Xurado – Mención Especial
  • Sevilla 2021 Sección Oficial

MARTES 22  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘Diante de ti’

Dangsin-eolgul-apeseo, Hong Sangsoo, 2021, Corea, 85′, VOSE

Lingua orixinal: coreano

Logo de varios anos vivindo nos Estados Unidos, Sangok regresa a Seúl para se reatopar coa súa irmá e o seu sobriño. Mentres se acostuma á vida en Corea, pasea por un parque ou busca a antiga casa onde medrou, convertida agora nunha tenda. Aínda que leva moitos anos sen exercer como actriz, Sangok decide atoparse cun famoso director de cinema máis novo ca ela, que lle propón participar no seu vindeiro filme. Sangok vive a vida no presente pero, malia o seu desexo de regresar á interpretación, garda un segredo que lle fai dubidar.

  • Xixón 2021 Premio Especial do Xurado
  • Cannes 2021 Cannes Premiére – Sección Oficial
  • NYFF 2021 Mains Slate

LUNS 28  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘Orfeo’

Jean Cocteau, 1950, Francia, 112′, VOSE

Lingua orixinal: francés

Orfeo é un poeta obsesionado cunha enigmática princesa, que non é outra cá Morte. Por ela abandona a súa esposa, a bela Eurídice. Cando esta é asasinada polos sicarios da Morte, Orfeo decide seguila até o inframundo para tratar de rescatala.

Fascinante revisión do mito de Orfeo no París dos anos 50 e a obra máis persoal de Jean Cocteau. Deslumbrante poema visual protagonizado por Jean Marais e pola galega María Casares, de quen se celebra este ano o centenario do seu nacemento.


MARTES 29  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘Outside noise’

Ted Fent, 2021, Alemaña, 61′, VOSE

Lingua orixinal: alemán

De volta de Nova York, Daniela non está segura do que vai facer. Polas noites non pode durmir. Visita a súa amiga Mia, que está rematando un máster en Berlín. Xunto con Natascha, que está pensando en mudarse a Viena, pasean e falan.
Rodado en 16 mm, Outside Noise é un filme sobre a amizade que segue os seus encontros en Berlín e Viena durante varios meses.

  • FIDMarseille Mención especial do Xurado
  • Viennale
  • Festival de Cine de Sevilla
  • Festival de Mar del Plata
  • New York Film Festival

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!