Convocado o XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín

3 Marzo 2021

O XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín terá dúas modalidades de concorrencia: unha para escolares da vila e outra para adultos de todo o ámbito nacional.

O prazo para enviar os manuscritos remata o 20 de abril de 2021.

Para os escolares de Marín haberá catro categorías: 1º e 2º de Primaria, 3º e 4º, 5º e 6º, e 1º e 2º da ESO.

Os traballos que presenten terán que ser inéditos, de temática libre e realizados en lingua galega, cunha extensión máxima de tres páxinas de tamaño DIN A4, escritos por unha soa cara.

Cada centro educativo poderá presentar, como máximo, tres traballos por cada unha delas e realizarase a través dun formulario na web do Concello.

O xurado estará constituído pola escritora Fátima Álvarez González; o bibliotecario do Concello de Bueu, José Ramón Núñez, e a bibliotecaria do Concello de Cangas, María Pilar Refojo.

Repartiranse tres premios, consistentes nun lote de material escolar e unha placa conmemorativa para o primeiro de cada categoría.

No caso dos adultos, tamén será preciso que os textos sexan orixinais, inéditos e en lingua galega. A extensión estará limitada a entre cinco e dez páxinas, tamaño DIN A4, mecanografadas a dobre espazo por unha soa cara.

O tipo de letra a utilizar será a “Roman” ou “Times New Roman”, a 12 puntos de tamaño.

A temática será libre e cada participante terá que subir o seu traballo á web do Concello, tamén a través dun formulario.

O xurado será o mesmo que o da modalidade escolar e haberá un único premio de 1.000 euros.


Está pasando!