O Concello de Marín convoca o XXI Premio de Poesía polas Letras Galegas para escolares e adultos

7 Abril 2022

  • O prazo de presentación de traballos rematará o 25 de abril
  • Na modalidade de adultos, o gañador ou gañadora poderá optar a un premio de 1.000 euros

A Concellería de Cultura de Marín, co gallo de dar pulo á creatividade e de fomentar o uso da lingua galega, convoca o XXI Premio de Poesía polas Letras Galegas, con modalidade para o alumnado que cursa os seus estudos de Primaria e 1º e 2º de Secundaria nos centros de ensino de Marín, e para adultos.

No caso da modalidade escolar, os traballos debe ser inéditos, de temática libre e realizados en lingua galega, cunha extensión máxima de 20 versos, en Din A4, escritos por unha soa cara. O prazo de admisión de traballos xa está aberto e pechará o día 25 de abril ás 14.00 horas.

Cada centro poderá presentar como máximo tres traballos por categoría, sendo estas as seguintes:

  • 1ª Categoría: Educación Primaria: 1º e 2º
  • 2ª Categoría: Educación Primaria: 3º e 4º
  • 3ª Categoría: Educación Primaria: 5º e 6º
  • 4ª Categoría: Educación Secundaria: 1º e 2º

O xurado concederá tres premios por categoría consistentes en material escolar e unha placa para o primeiro de cada categoría. Todos os traballos levarán un título e categoría á que pertencen, sen especificar o nome do/a autor/a.

A Dirección de cada centro subirá os traballos que opten ao premio á páxina web do Concello de Marín, onde se habilitará un formulario, que haberá que cumplimentasr de tal xeito que xurado sempre recibirá os traballos, preservando o Concello o anonimato dos autores.

Por outra banda, no que se refire á modalide de adultos, os traballos terán unha extensión mínima de 100 versos, non sendo requisito imprescindible que formen parte dun só poema, de temática libre.

O tipo de letra será “Times New Roman” a 12 puntos de tamaño e só se poderá presentar un único traballo, tamén con prazo de presentación atá o 25 de abril ás 14.00 horas. Cada participante subirá o traballo que opte ao premio á páxina web do Concello de Marín.

Concederase un único premio de 1.000 euros.

Está pasando!