Presentación do Entroido de Redondela 2026 | Concello de Redondela

Catro días de “festa rachada” para celebrar o Entroido en Redondela

30 Xaneiro 2026

  • As celebracións comezarán o sábado 14 de febreiro co Entroido Infantil e Xuvenil, xogos e obradoiros na Alameda Castelao, pasarrúas con The Turre’s Band e o concerto da orquestra La Fórmula coa estrea en Redondela do seu novo espectáculo.
  • O domingo 15 será o desfile de comparsas. O martes 17 será o concurso de disfraces, Queima do Meco e o espectáculo “Hexagonum” con monecos xigantes, proxeccións e lume. A xornada rematará co concerto da Mekánika Rolling Band.
  • En Chapela o Entroido celebrarase o día 21 co desfile de comparsas, o Enterro do Berete e o concerto do Grupo América de Vigo.

O sábado 14 de febreiro comezan as celebracións do Entroido en Redondela. A rapazada será a protagonista desta xornada co Entroido Infantil e Xuvenil. As actividades comezan ás 16.00 horas con “Un Mar de Xogos” de Bico de Toupa e obradoiros na Alameda de Castelao ata as 19.30 horas.

A música correrá a cargo do grupo The Turre’s Band cun animado pasarrúas polo centro da vila desde as 18.00 horas. A partir das 21.30 horas o Entroido deste 2026 vibrará co concerto da orquestra La Fórmula, que estreará en Redondela o seu novo espectáculo para esta temporada.

“Será un gran comezo do Entroido para animar á veciñanza a gozar e bailar nestas datas tan especiais”, sinala a concelleira de Cultura Rita Pérez, que contará tamén con sesión DJ.

O 15 de febreiro, domingo de Entroido, comezará ás 17.00 horas a concentración das comparsas no Campo da Feira. Ás 18.00 fará o seu pasarrúas Tío Emilio, a tradicional comparsa representativa do Entroido redondelán. A continuación será o desfile de comparsas que percorrerá as principais rúas da vila e ás 20.30 horas será a entrega de premios.

O 17 de febreiro, Martes de Entroido, é un día grande en Redondela, coa participación de veciños e veciñas de todas as idades. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia desta xornada tan tradicional nas festividades de Redondela “que reúne a grupos de amigos e familias completas con participantes de todas as idades que viven o Entroido na rúa, por iso desde o Concello poñemos todo da nosa parte para que sexa un día moi especial cheo de actividades”.

Ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 e a entrega de premios será ás 18.45 horas.

Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas. As rúas contarán con moita animación e ritmo grazas á percusión e os tamboriles do grupo Aperta.

Ás 19.00 horas, fiel á súa cita, celebrarase a tradicional Queima do Meco “unha das citas con máis expectación do entroido redondelán”. “Hexagonum”, de Troula Animación, será o espectáculo que dea paso á queima con marionetas xigantes, proxeccións audiovisuais, pirotecnia e lume.

A festa continuará pola noite co concerto da Mekánica Rolling Band, unha das agrupacións máis festivas de Galicia e coñecida pola súa explosiva mestura de ritmos populares, punk brass e interacción co público. Ás 20.30 horas na praza da Constitución.

O sábado 21 de febreiro celebrarase o Entroido en Chapela. As comparsas reuniranse ás 17.00 horas do alto da Encarnación. Ás 18.00 horas sairá o desfile acompañado polos percusionistas e tamborileiros de Aperta. Pecharán a comitiva os participantes do Enterro do Berete que fará o seu percorrido ata a praia de Arealonga.

A Queima do Berete comezará ás 20.15 horas. A xornada pecharase co concerto do grupo América de Vigo que ofrecerá un gran espectáculo co seu tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos. Será a partir das 21.00 horas no paseo marítimo de Chapela e con sesión de Dj Mesu.

O Concello de Redondela prepara unha ampla programación “con festa rachada” durante catro días para darlle “máis pulo aínda” a esta tradicional festa “que con tanto entusiasmo viven no municipio veciños e veciñas de todas as idades”, conclúe Digna Rivas.

Está pasando!