Clámide leva a seis parroquias de Vilagarcía a representación teatral ‘Temidas teimas’

31 Maio 2023

  • A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía volve a programar por segundo ano consecutivo un ciclo de teatro para desenvolver nos centros socioculturais das parroquias do municipio
  • Como xa acontecera o ano pasado, as representacións correrán a cargo do Taller de Teatro Clámide, que para a ocasión porá en escena a obra ‘Temidas teimas’
  • Serán seis as funcións a realizar entre o 1 de xullo e o 23 de setembro
  • O Piñeiriño, Cornazo, Guillán, Fontecarmoa, Rubiáns e A Xunqueira serán os barrios e parroquias nos que fará escala o espectáculo

Con este ciclo de teatro a Concellería que dirixe Sonia Outón persegue tres obxectivos principais: descentralizar a oferta cultural achegándoa ás zonas da periferia e do rural, tratar de captar novos públicos, así como dar a coñecer e potenciar aos creadores, grupos e colectivos que fan cultura na propia cidade. A maiores, con este tipo de iniciativas tamén se busca dinamizar a actividade sociocultural nas contornas onde é menos frecuente a celebración de espectáculos.

A xira de ‘Temidas teimas’ comezará o sábado 1 de xullo no centro sociocultural do Piñeiriño e o venres 9 dese mesmo mes continuará en Cornazo. Os veciños de Guillán poderán gozar desta comedia o 19 de agosto, e os de Fontecarmoa o día 26. As dúas últimas funcións terán lugar no mes de setembro. Serán a do centro sociocultural de Rubiáns, o día 2, e no Obradoiro Parroquial da Xunqueira, o 23 de setembro.


Un tema serio abordado en clave de comedia

Para o ciclo itinerante, Clámide elixiu a obra ‘Temidas teimas’, unha adaptación da comedia ‘TOC TOC’, na que o dramaturgo francés Laurent Baffie abordou un tema difícil de tomar a broma: os trastornos obsesivos compulsivos. Foi todo un exemplo para chamar a atención sobre a importancia da saúde mental e para desestigmatizar ás persoas que as sofren.

Sinopse

Na consulta dun prestixioso psicólogo coincide un variopinto grupo de pacientes con algo en común: todos sofren un Trastorno Obsesivo Compulsivo (TOC). Pero o seu médico non pode chegar a tempo, xa que o voo que o trae á consulta sufriu un inesperado retraso. Así, todos se ven na obriga de compartir unha espera que parece interminable. Lograrán estas persoas manter as súas manías e obsesións a raia? Chegará o doutor antes de que a cousa saia do testo?

A segunda formación teatral máis lonxeva de Galicia

O Taller de Teatro Clámide é unha das formacións culturais vilagarciás con maior soleira. Creado e en funcionamento dende o ano 1981, é o segundo grupo de teatro afeccionado en activo máis antigo de Galicia. Ao longo desta longa traxectoria, polas súas filas pasaron case 200 persoas e foi canteira de actores hoxe profesionais e moi coñecidos, como Josito Porto, Anabel Gago ou Manuel Millán.

Está pasando!