Presentación de Culturgal Expandido | © Culturgal

Culturgal Expandido estende a Vigo a Feira das Culturas Galegas

20 Novembro 2023

Os días 23 e o 24 de novembo na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo


Por primeira vez, Culturgal terá dúas sedes. A Feira das Culturas Galegas é un evento que, ano tras ano, converte Pontevedra en epicentro da actividade cultural do país. A Boa Vila torna capital, pero Culturgal apela a toda Galicia. Con esta idea, este ano busca ampliar o seu territorio de operacións. Por iso contará con actividades máis alá das fronteiras da cidade que o acolleu todos estes anos, baixo a denominación de Culturgal Expandido.

As actividades terán lugar na sede da Deputación de Pontevedra na cidade olívica (Rúa Eduardo Chao), os días 23 e 24 de novembro a partir das 18:00 horas e o acceso será de balde. A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, presentou o pasado luns a programación, que se enmarca nunha aposta por recuperar o papel de Vigo como referente cultural. Estivo acompañada de Camilo Franco, director da Feira.

O xoves abrirá ás 18:00 horas cun espazo de conversa arredor da memoria histórica, no que compartirán impresións a escritora Iria Morgade e a historiadora Alba Garrido. A primeira vén de publicar ‘Quen escribirá a miña historia?’ (Galaxia), unha viaxe ficcional que parte dunha mensaxe escrita nas paredes dun campo de concentración para explorar as tensións dun pasado e un presente atravesados pola violencia. A segunda investiga en ‘De Galicia a Mauthausen’ (Galaxia), as orixes, contextos, traxectorias vitais e experiencias daqueles galegos que remataron nos campos de exterminio do III Reich.

A continuación, Iolanda Zúñiga e o pianista Velpister farán unha lectura-concerto que nos traslada a aposta da Feira das Culturas Galegas polos formatos mestizos. A narración da autora viguesa de libros como ‘Periferia’ (Xerais) ou ‘Natura’ (Galaxia), cunha singular ollada do cotián, únese ás improvisacións dun artista que se define como “cosmodisciplinar”, cunha teima por reunir no escenario todas as disciplinas que practica. Pois ademais de músico e compositor, é pintor, escultor, escenógrafo, narrador, poeta, actor e cantante.

Catuxa Salom será a encargada de fechar a xornada do xoves. A artista de Vilagarcía publicou en 2022 o seu álbum debut, ‘Nunha aldea’, para moitos unha “revelación”, pero que chega tras moitos anos na industria musical. Na súa proposta conflúen sonoridades galegas e arxentinas, ambas as dúas integradas no ADN da compositora, nun formado que se desliza entre a música de raíz e a electrónica para explorar novos roteiros.

O venres arrincará coa celebración do 40 aniversario dos Premios Xerais, cunha reunión de autores e autoras galardoados á que asistirán Rexina Vega (‘Cardume’, 2007), María Reimóndez (‘Dende o conflito’, 2014), Manuel Esteban (‘A ira dos mansos’, 2016), Santiago Lopo (‘A arte de trobar’, 2017) e o máis recente gañador, Pedro Feijoo (‘Ninguén contará a verdade’, 2023). O faladoiro estará conducido por Fran Alonso, director de Edicións Xerais de Galicia, que axudará a trazar un percorrido por este codiciado premio entre escritas ben diversas, que dan conta da riqueza do sistema literario galego. Para completar este panorama, a poeta e actriz María Lado, cunha sólida traxectoria lírica desde os seus inicios no Batallón Literario da Costa da Morte ata as máis recentes ‘Gramo Stendhal’ (Apiario) ou ‘Ninguén morreu de ler poesía’ (Xerais), ofrecerá un recital enchoupado do seu íntimo estilo, irreverente e prosaico.

Para fechar a noite, Leilía compartirá co público as súas emocións ante a inminente xira de despedida ‘Anque me vou non me vou’. Un título que chama xa a fantasiar con futuros retornos, mesmo antes de que teñan marchado. Tamén botarán algunha cantarela, como un petisco do que poderemos ver no seu concerto en Culturgal o 2 de decembro, unha ocasión única para dicir adeus ás pandeireteiras tras máis de trinta anos sobre as táboas. As entradas están á venda na web cultur.gal, a un prezo de 16 euros, e inclúen o acceso á Feira no día do concerto. Tamén poderán adquirirse na billeteira, mais a 19 euros.


Está pasando!