Dakidarría adapta os poemas ‘Galicia’ e ‘A Fala’ de Manuel María no seu novo single ‘Somos Nós’

19 Febreiro 2022

  • A banda do val miñor realiza unha homenaxe ao ‘Poeta da Terra Cha’ percorrendo a súas verbas a través da súa característica sonoridade punk-rock.

Dakidarría sorprende cun novo single a tan só unha semana da publicación do seu novo disco, ‘Colaxe’. Baixo o título ‘Somos nós’, a banda do Val Miñor pretende crear un auténtico himno cun tinte épico que sexa coreado en cada concerto, poñendo en valor a nosa identidade, a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa forma de vivir.

‘Somos nós’ é unha adaptación dos poemas ‘Galicia’ e ‘A fala’ de Manuel María. Unha canción na que Gabri (letrista e cantante da banda) quixo homenaxear ó ‘Poeta da Terra Cha’ a quen admira dende a infancia. Baixo unha característica sonoridade punk-rock -que lembra ós seus primeiros discos- Dakidarría percorre as verbas do poeta e engade outras consignas que vencellan a mensaxe de amor pola terra e a cultura ca loita e o ánimo de defendelas.

Trátase do terceiro avance do novo disco ‘Colaxe’ que verá a luz o 25 de febreiro. Neste último traballo Dakidarría fai unha homenaxe á súa carreira, así como a todas aquelas diferentes subculturas e estilos musicais dos que foron bebendo durante os seus 18 anos de historia.



Nova formación

Con ampliación da súa formación, a agrupación musical retoma a carretera neste 2022 para descargar a emoción, a enerxía e a adrenalina dos seus concertos en todos os lugares que sexa posible.

Novas caras que darán máis fluidez e dinamismo a un show que, se antes era incendiario, agora pasa a ser explosivo. Un combo que pretende arrasar os palcos e que vai deixar pegada na escena musical galega.

  • Ximo Tomàs “Maki” – Batería
  • Antón “Torroncho” – Baixo
  • Gabri Reigosa – Guitarra e voz
  • Iñaki – Guitarra
  • Paula – Trombón
  • Juaki – Trompeta
  • Anxo – Saxo e voz
  • Pol – Voz e programacións
  • Ruan – Teclados

© Dakidarría

Sobre a banda

Logo de 18 anos dende a su formación e unha bagaxe máis que interesante de discos e concertos, podemos etiquetar a Dakidarría como unha banda histórica no panorama galego e estatal. Acadan a maioría de idade mentres ultiman o lanzamento do seu sexto disco de estudo “Colaxe” posicionándose como a banda de referencia no eido da música contestaria galega.

Dakidarría fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a través da complicidade, forza e sinceridade das súas revolucionarias letras, nas que se chegan a incluir ata doce linguas diferentes. O seu prato forte son os directos, atrevéndose tanto con pequenas salas como con grandes festivais. Demostraron en cada xira que o seu é a festa encima e debaixo do escenario.

Está pasando!