Dakidarría estrea novo single, ‘Arrasadeira’, un segundo adianto para o sexto disco de estudo da banda galega

21 Decembro 2021

Dakidarría sorprende a poucos días do Nadal co seu novo single, ‘Arrasadeira’, un segundo adianto para o novo disco da banda galega, ‘Colaxe’, que verá a luz  o vindeiro 25 de febreiro.

‘Arrasadeira’ chega tras o éxito de ‘Pobo de artistas’, un tema que refrexa a efervescencia da actual escena galega e que uniu a máis de oitenta artistas cantando ao unísono nun mesmo videoclip. Unha canción composta en clave de himno na que o grupo saía da súa zona de confort para volver agora cun estilo 100% recoñecible e máis Dakidarría que nunca.

“A historia de Arrasadeira nace dun fermoso relato de Eduardo Blanco Amor onde os rapaces da vila asaltan as casas señoriais para apañar froita das árbores. Do mesmo xeito que Tono (o protagonista do relato) supera os seus medos e salta o muro da finca do abade, os protagonistas desta canción saen á rúa dispostos a facer o que faga falta ca intención de ser escoitados”.



Logo de 18 anos dende a su formación e unha bagaxe máis que interesante de discos e concertos, podemos etiquetar a Dakidarría como unha banda histórica no panorama galego e estatal. Acadan a maioría de idade mentres ultiman o lanzamento do seu sexto disco de estudo ‘Colaxe’ sendo a banda referencia da música contestaria galega.

Neste último traballo realizarán unha homenaxe á súa carreira, así como a todas aquelas diferentes subculturas e estilos musicais dos que foron bebendo durante os seus 18 anos de historia.

Dakidarría fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a través da complicidade, forza e sinceridade das súas revolucionarias letras, nas que se chegan a incluir ata doce linguas diferentes. O seu prato forte son os directos, atrevéndose tanto con pequenas salas como con grandes festivais. Demostraron en cada xira que o seu é a festa encima e debaixo do escenario.

Con ampliación da súa formación, a agrupación musical retoma o camiño neste 2022 para descargar a emoción, a enerxía e a adrenalina dos seus concertos en todos os lugares que sexa posible.

Está pasando!