David Bustamante presentará en Vilagarcía o seu novo disco ‘Inédito’, no marco das festas de San Roque

5 Xullo 2025

  • O popular cantante David Bustamante presentará en Vilagarcía o seu novo disco “Inédito”, no marco das festas de San Roque.
  • O artista actuará o mércores 20 de agosto ás 22:30 horas no parque da Xunqueira, con entrada gratuíta. Trátase do cuarto concerto confirmado despois do de Mägo de Oz, Mondra e Ainhoa Arteta.

O artista cántabro atópase de xira por toda España co ‘Tour Inédito’, motivado polo lanzamento do seu novo traballo: “Este disco lo siento como un volver a empezar. Me siento pleno, realizado. Es como si ahora estuviera en el ecuador de mi carrera y hubiese conocido una nueva faceta”, explica o cantante.

Neste traballo, composto por unha decena de temas pop, os fans coñecerán a lado máis creativo de Bustamante, que se lanza por primeira vez a compoñer as súas cancións: “Llevo años escribiendo, pero nunca he llegado al estudio con los temas hechos, como ahora. Cuando empecé, anhelaba cantar; ahora también tengo cosas que decir”, expón.

David Bustamante fíxose coñecido a raíz da súa participación na primeira edición de Operación Triunfo (2001), de onde saíron moitos outros artistas recoñecidos, como David Bisbal ou Chenoa.

Con catro millóns de seguidores na redes sociais, once discos ás súas costas, e máis de 1.000 concertos por toda España, Bustamante “é un dos artistas máis importantes do país”, apuntan dende a súa discográfica.

Máis música

A concellería de Cultura, dirixida por Sonia Outón, leva un ano traballando na programación das festas de San Roque, que se está dando a coñecer pouco a pouco. Aínda quedan algunhas citas musicais por anunciar, pero polo de agora o calendario de concertos é dos máis variados nos últimos anos, con música para todos os públicos.

O departamento comezou anunciando a actuación de Mägo de Oz (19 de agosto), un grupo que conta con cancións míticas no seu repertorio e que porá a bailar a toda Vilagarcía. Posteriormente foi a quenda de Mondra (22 de agosto), un artista galego que está agora mesmo no máis alto da súa carreira, xirando por todos os concellos de Galicia.

Por último, esta semana dábase a coñecer a actuación da soprano Ainhoa Arteta (18 de agosto), que encabezará A Gala Lírica, na que tamén participan o barítono Luís Santana, a soprano carrilexa Loli Crespo e o pianista Victor Carbajo.

Está pasando!