Devellabella e o Ateneo de Pontevedra, convocan a III Mostra Poética ‘Versos a dúas voces’ no Museo de Pontevedra

4 Marzo 2026

Devellabella.com, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, organiza a Mostra Poética ‘Versos a dúas voces’, que terá lugar o sábado 14 de marzo ás 12:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, sumándose á celebración do Día Mundial da Poesía.

‘Versos a dúas voces’ é un encontro literario no que autoras e autores comparten escenario en parella para recitar, declamar ou poñer en escena un poema —propio ou creado para a ocasión— nun formato dinámico que favorece o diálogo poético e a complicidade artística.

A mostra está aberta a todas as persoas que desexen participar, sen límite de idade (animando especialmente ás maiores de 60 anos), sempre que os textos estean en galego ou portugués.

Cada intervención terá unha duración máxima de dous minutos. O acto contará tamén cunha actuación de música tradicional galega.

A entrada será libre ata completar aforo.

Durante a mostra realizarase unha reportaxe fotográfica e unha gravación en vídeo que serán difundidas posteriormente na canle de YouTube do blog e nun número especial da súa revista.

A iniciativa consolídase como un espazo de encontro interxeracional arredor da creación poética, reforzando desde Pontevedra a celebración do Día Mundial da Poesía.

Está pasando!