Presentación da XII Festa do Viño de Vilaboa | Concello de Vilaboa

Dez stands amosarán a variedade vinícola local na Festa do Viño de Vilaboa

29 Abril 2025

Adegueiros e colleiteiros convidan á veciñanza da contorna a acudir á carpa de Riomaior os días 10 e 11 de maio e maridar os seus viños coa gastronomía local


A adega Os Areeiros, situada en Santa Cristina de Cobres, foi o escenario escollido para a presentación da XII Festa do Viño de Vilaboa nun acto que contou co respaldo dunha ampla representación do sector vinícola do municipio que estará presente no evento con 3 adegas e 7 colleiteiros.

Serán 10 os stands que se instalarán na carpa que os días 10 e 11 de maio ofertará en Riomaior unha selección dos viños que se producen en Vilaboa tanto de xeito profesionalizado como de elaboración caseira.

As adegas Os Areeiros, Adega Ardán e Bodegas Costas de Exportación (de Moaña) pertencen á IXP Ribeiras do Morrazo e comercialízanse con esta etiqueta distintiva, que recoñece a calidade dos viños da zona.


Presentación da XII Festa do Viño de Vilaboa | Concello de Vilaboa

En Vilaboa persiste a figura do colleiteiro local e boa parte deles ofrecen os seus viños nos coñecidos furanchos. É o caso de Elisa Ruibal García “Casa da Boullosa”; de Manuel Collazo Fernández; de Martín Torres González “Casa Cañoteira”; de Antonio Juncal de “Furancho Antonio” e de Furancho Jorge. Tamén comercializarán as súas producións na Festa do Viño Jesús Amoedo Leiro, “Casa da Torre” e Nilda Alvariña.

Unha completa selección das diferentes variedades colleitadas e elaboradas na contorna de Vilaboa a prezos populares nun marco idóneo para poñer en valor un dos produtos máis destacados da economía e transformar a súa promoción en dúas xornadas festivas nas que facer tertulia en bo ambiente, degustando un bo viño e unha tapa.

Esta foi a invitación que o alcalde de Vilaboa, César Poza, lanzou a toda a veciñanza da contorna de cara aos vindeiros 10 e 11 de maio, xa que a carta de viños complementarase con stands gastronómicos que ofrecerán ostras, polbo, churrasco, empanada e doces.



O evento, que naceu como unha reivindicación dos caldos locais e a tradición vitivinícola da zona, consolidouse como unha cita ineludible no calendario festivo de toda a provincia.

O alcalde subliñou a importancia de “manter esa tradición de facer os viños nas casas, pero tamén da súa profesionalización”, destacando o crecemento que experimentou o sector na zona e do que puxo como exemplo a adega anfitriona da presentación. “Unha adega que está en auxe, cos viños que son referente do que é a IXP”, explicou o rexedor, lembrando que a Festa comezou precisamente para reivindicar ese selo de calidade que finalmente se conseguiu coa Indicación Xeográfica Protexida.

A programación arrincará o sábado 10 e continuará ata o domingo 11 de maio ao mediodía. As persoas asistentes poderán gozar de música en directo, coa actuación da charanga “A cabeza non para”, na sesión vermú e a Banda da Escola de Música de Vilaboa co cantante Antonio Barros o sábado pola noite, momento no que tamén actuará a charanga 112.

O domingo será a quenda da Sociedade Cultural Cobres e a súa banda de gaitas “Aires de Cobres”.

O pregón correrá a cargo dun veciño de Vilaboa, da parroquia de Paredes, Xan Lorenzo, quen promete, segundo o alcalde, “encher de humor a xornada coas súas chanzas”.

Está pasando!