‘Cortello de amor’ | Amorodio Teatro

Dobre cita teatral esta fin de semana en Silleda: ‘A máquina do tempo’ e ‘Cortello de amor’

18 Marzo 2025

Esta fin de semana, o teatro será o gran protagonista en Bandeira con dúas propostas imperdibles para públicos de todas as idades. O sábado 22 e o domingo 23 de marzo, os asistentes poderán gozar de espectáculos que combinan humor, emoción e reflexión.

Dous espectáculos diferentes pero igualmente atractivos, que forman parte da programación cultural de teatro en Silleda e que buscan achegar ao público representacións teatrais de calidade.

O sábado 22 de marzo ás 19:00 horas, no Centro Cultural Vistalegre, a compañía Teatro Ghazafelhos presenta ‘A máquina do tempo’, un espectáculo participativo que convida aos máis pequenos e pequenas a facer un apaixonante percorrido pola historia das civilizacións.

Coa axuda dunha sorprendente escenografía, a doutora Mon (Montse Piñón) e o seu axudante Pe (Pepablo Patinho) levarán ao público infantil a unha viaxe inesquecible a través do tempo.



Ao día seguinte, ás 19:00 horas no Auditorio Manuel Dopazo, a compañía Amorodio Teatro chega con ‘Cortello de amor’, unha comedia que reflicte con humor e realismo os desafíos das relacións de parella.

A historia de Jack e Rose, unha parella duns trinta anos que decide alugar o seu apartamento a turistas mentres gozan do seu faiado, amósanos como os plans poden torcerse cando os ingresos baixan e as tensións aumentan. Unha obra que fará rir e reflexionar ao público.


Está pasando!