‘El Médico, El Musical’ chega ao Auditorio Mar de Vigo esta fin de semana nas súas únicas funcións en Galicia

9 Novembro 2022

  • O musical está levantando unha enorme expectación, algo que se nota na gran demanda de entradas desde toda Galicia e Portugal, con catro funcións repartidas entre o venres e o domingo
  • A actriz galega Cristina Picos é unha das intérpretes principais deste espectáculo no que traballan máis de 100 persoas, das cales 50 son artistas e músicos sobre o escenario
  • ‘El Médico, El Musical’ é unha das apostas polos grandes musicais do Mar de Vigo, xunto con “Peter, el Musical”, que terá lugar do 2 ao 4 de decembro, e para os cales se poden obter descontos a través do Bono Cultura

O espectacular ‘El Médico, El Musical’, baseado no libro do escritor Noah Gordon, chega esta fin de semana ao Auditorio Mar de Vigo, no que será un dos grandes espectáculos de outono. Vigo é a única cidade de Galicia na que se representará este gran musical, en catro funcións repartidas entre o venres e o domingo. Este venres 11 terá lugar a primeira función ás 20.00 horas, o sábado 12 haberá dobre función ás 17.00 e ás 21.30 horas, e o domingo 13 despedirase en función de tarde ás 17.00 horas. O musical está levantando unha enorme expectación e, ao ser a única cita en Galicia, está a ter unha gran demanda de entradas de toda a xeografía galega e norte de Portugal.

“El Médico, El Musical” parte dun dos grandes best sellers de Noah Gordon, que vendeu máis de dez millóns de exemplares en todo o mundo e traduciuse a máis de trinta linguas. O musical entusiasmou ata o mesmo Noah Gordon que seguiu de cerca a produción ata que faleceu en 2021 aos 95 anos. ‘El Médico, El Musical’ é o musical máis premiado dos últimos anos, número 1 da crítica durante o ano 2019 e foi elixido “Mellor Musical”, pola revista Madrid es Teatro. Recibiu once Premios do Público Broadwayworld, así como cinco galardón nos Premios do Teatro Musical.

No Mar de Vigo estarán máis de 100 persoas traballando neste espectáculo producido por Beon Entertainment, das cales 50 son artistas e músicos nun gran despregamento sobre o escenario. A actriz galega Cristina Picos, xunto con Guido Balzaretti, son os intérpretes principais desa obra cuxo director artístico é Ignasi Vidal. A trama deste musical está tomada da esencia da obra ambientada no século XI, que narra a historia de superación de Rob J. Cole, un mozo inglés orfo e sen recursos, que fixo unha viaxe apasionante ata Persia, para lograr o seu soño de converterse en médico, nunha historia que mestura amor, amizade, emoción e superación.

Esta espectacular obra, é unha das grandes apostas da programación de outono do Auditorio Mar de Vigo, xunto con outro agardado musical como é “Peter, El musical”, que terá lugar do 2 ao 4 de decembro. As entradas para ambos musicais poden adquirirse a través de www.teuticket.com e para ambos espectáculos pode aplicarse tamén o desconto do Bono Cultura, que pode chegar ata un 50%. As persoas que o desexen e teñan activado este bono, poden retirar as entradas con desconto para calquera espectáculo no Auditorio Mar de Vigo na billeteira do recinto, aberta de luns a venres, con horario de mañá de 12.00 a 14.00 horas e de tarde de 17.00 a 19.00 horas. Tamén nos días de espectáculo desde unha hora e media antes de cada función.


Está pasando!