En marcha a campaña solidaria do Concello de Poio ‘Ningunha crianza sen xoguetes’

19 Novembro 2024

  • Natividad Torres anima á veciñanza a demostrar unha vez máis o seu apoio cunha iniciativa que pretende chegar e facer felices a todos os nenos que viven en fogares con necesidades especiais
  • Poden deixarse no Pazo Besada ou na Casa Rosada ata o 29 de novembro, e os artigos deben estar en bo estado, limpos e con todas as pezas

A campaña solidaria ‘Ningunha crianza sen xoguetes’, do Concello de Poio, xa está en marcha para garantir que ningún neno ou nena perda a ilusión polas festas de Nadal, sexa cal sexa a situación ou as dificultades que haxa nos seus fogares. Ata o 29 de novembro, as persoas que queiran participar con esta iniciativa poden facer as súas doazóns, de luns a venres no Pazo Besada (en horario de mañá) ou na Casa Rosada (polas tardes).

Os xoguetes deben estar limpos, en bo estado e con todas as pezas, e poden ser desde xogos de mesa, bonecos e peluches, ata puzzles, construcións, libros, disfraces ou materiais deportivos como bicicletas, patines ou pelotas, entre outras.



A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, anima á veciñanza a demostrar unha vez máis o seu apoio cunha iniciativa que pretende devolver a ilusión a todos os nenos que viven en fogares en situación de vulnerabilidade. “Doando os xoguetes que os nosos fillos e fillas xa non utilizan temos a oportunidade de facer felices a outros moitos e facemos posible que neses fogares con máis necesidades o Nadal tamén sexa unha época de maxia e de ledicia para todos eles”, engade. Ademais, agradece a colaboración da veciña Silvia Ramírez, de Samieira, que un ano máis colaborará de xeito totalmente desinteresado con esta campaña municipal.

Unha vez rematada a recollida de xoguetes, o persoal do departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio encargarase de realizar o reparto antes do Nadal.

Está pasando!