Enreguéifate inicia en Pontevedra a segunda quenda de obradoiros de improvisación oral para centros de ensino

30 Xaneiro 2025

  • Na mañá do luns tiveron lugar as primeiras sesións, nás que participará alumnado de 5º e 6º de primara e ESO de 22 centros ata mediados de febreiro
  • Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón están a ser nesta edición as persoas encargadas de impartir estas accións formativas, que entre o primeiro e o segundo trimestre darán como resultado 80 obradoiros impartidos entre os concellos promotores: Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo
  • O proxecto, impulsado polos respectivos servizos de normalización lingüística, reivindica o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade
  • A que será a oitava edición, baixo o lema ‘Enreguéifate, puro magnetismo!’ contará co habitual certame de regueifas en vídeo. Prazo de participación ata o 20 de marzo en enregueifate.gal

Unha nova rolda de obradoiros de improvisación oral botou a andar esta semana nos centros de ensino pontevedreses da man do proxecto Enregüéfate, promovido polos servizos de Normalización Lingúística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. Os CEIPs Cabanas, San Martiño, A Xunqueira 1, Marcón, Santo Andre de Xeve, Praza de Barcelos, Parada – Campañó, etc. participararán desta iniciativa ata mediados de febreiro.

Estes obradoiros xa tiveran actividade durante o primeiro trimestre do curso 24-25 e, impartidos por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón sumarán un total de 80 actividades levadas a cabo con alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e ESO dos centros dos concellos promotores.

“Unha aposta decidida por introducir a práctica regueifeira nas aulas, como un xeito de promover a normalización e valorización da nosa lingua, sabendo de que o uso do galego no ámbito educativo e cultural é clave para manter vivo o idioma entre as novas xeracións”, segundo Demetrio Gómez.



Enregüéifate!

O proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, reivindica o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade.

O programa inclúe accións formativas para escolares e profesorado e un certame regueifeiro aberto á improvisación oral de toda a cidadanía.

Con esta oitave edición, que leva por lema ‘Enregüéifate, puro magnetismo!’ volve tamén unha das súas citas imprescindibles: o certame de regueifas en vídeo. O prazo para participar en calquera das categorías (a xeral ou a escolar para rapazada dos centros educativos galegos non universitarios) está aberto ata o 20 de marzo. A inscrición pode realizarse desde a web enregueifate.gal, onde están tamén dispoñibles as bases completas do certame.

Está pasando!