Presentación da XXXIV Festa da Ostra | © Concello de Soutomaior

Espérase que pasen pola Festa da Ostra de Arcade máis de 30.000 persoas e que se consuman 100.000 ostras

25 Marzo 2022

Acábase de presentar a XXXIV edición da Festa da Ostra que terá lugar na fin de semana do 1 ao 3 de abril no peirao de Arcade.

Ao acto, no que non faltaron as ostras, acudiron varios hostaleiros do Concello, entre eles Paco Corral que será o encargado do pregón deste ano. O propio alcalde, Agustín Reguera, xustificou a decisión alegando que “neste tipo de festas gastronómicas o normal e traer cociñeiros de fora, pero nos pensamos que tendo tan bos profesionais na casa, non facía sentido traer a outra persoa”. Ademais, o alcalde sinalou que a elección de Paco Corral é unha homenaxe ao conxunto dos hostaleiros pola súa labor diaria e polas dificultades que sufriron a causa da pandemia.

No que se refire á festa, tanto o Alcalde como a Concelleira Noelia Ocampo, destacaron o seu optimismo coa celebración deste ano. En total, espérase que acudan á festa preto de 30.000 persoas e que se consuman máis de 100.000 ostras. En canto aos prezos, a ducia custará 10 euros e a ración de empanada, 7.

A programación, que xa se pode consultar na páxina web do Concello, comezará o próximo venres 1 de abril ás 23.00 horas co concerto da Orquestra América de Vigo e finalizará o domingo 3 ás 18.30 horas co Dúo Calú. Entre medias, dous días de música, animación, fogos artificiais e moitas, moitas, ostras.

Está pasando!