Este sábado, 15 de outubro, arranca na Guarda o Outono Teatral con ‘Smoke on the water’

13 Outubro 2022

  • A Compañía Ibuprofeno Teatro abrirá esta quenda ás 20:30 horas con ‘Smoke on the water’
  • Un total de 6 obras teatrais, 3 para público adulto e 3 para público familiar, todas elas no Centro Cultural da Guarda

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, organiza este ano o Outono Teatral 2022, no que se representarán na Guarda un total de 6 obras teatrais, 3 para público adulto e 3 para público familiar.

Para Antonio Lomba, “é de salientar a calidade das representacións teatrais que se realizan na Guarda e a complicidade que ten o público guardés coas funcións teatrais, mostra de elo é a gran acollida que teñen as obras de teatro que se realizan na vila, onde cada ano se esgotan as entradas da meirande parte dos eventos que se realizan, gozando case sempre dun aforo completo.”

Para Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura, “esta programación é unha programación pensada para todos os públicos, con obras destinadas a público adulto e outras destinadas a público familiar, que permitirán desfrutar do teatro a moitos veciños e veciñas da Guarda, unha aposta pola cultura que ano a ano trae á Guarda a algunhas das mellores compañías de teatro de Galicia, como pode ser Ibuprofeno teatro, A Panadaría ou Caramuxo Teatro.”

O vindeiro sábado 15 de outubro arranca o ciclo de teatro para os meses de outono no Centro Cultural, unha programación que está a consolidarse grazas á grande expectación e afluencia que esta disciplina artística esperta entre o público guardés que destaca por un alto nivel de fidelidade ás propostas.

Para este ano 2022 fíxose unha aposta decidida por manter o nivel das compañías profesionais escollidas, así como por achegar unha variedade nos temas tratados e na perspectiva e técnicas teatrais empregadas, procurando xerar unha diversidade e ofertar propostas novidosas que sigan atraendo ao público guardés.

Fíxose tamén un importante esforzo para que a oferta de programación non quedara só no público adulto, xa consolidado, senón por atraer a públicos mais novos, dende a mocidade que pode atopar unhas atraentes temáticas novidosa, como as meniñas e meniños e familias para as que se fixo unha coidada selección de historias sen olvidar o toque de humor, buscando así crear o hábito ao teatro desde as idades mais tempranas.

Un total de 6 representacións que a razón de dúas sesións cada mes (unha para público adulto e outra para público familiar) queren consolidar esta oferta cultural e de ocio que tan boa aceptación ten sempre no noso auditorio.


Presentación do ciclo Outono Teatral | © Concello da Guarda

PÚBLICO ADULTO E XUVENIL

O Ciclo comezará o vindeiro sábado 15 de outubro coa obra ‘Smoke on the water’, unha historia de sexo, drogas e rock&roll que nos traslada á unha posible

recreación da vida de Janis Joplin na súa madurez. Esta peza é a última produción de Ibuprofeno Teatro, quen xa estivo na Guarda con propostas como O Furancho, Raclette, A filla de Woody Allen…Nesta ocasión cambia radicalmente o ton e a temática para trasladarnos a unha historia de curte mais sórdido dentro dun enredo amoroso-financieiro con final sorprendente, como é habitual no corte da compañía. É de destacar a calidade do elenco e a música en directo, especialmente para os amantes do rock.

A proposta do mes de novembro, será a función ‘As que Limpan’ o 24 de novembro da exitosa compañía A Panadería, que xa coñecemos polas obras ‘PAN! PAN!’ e ‘Elisa e Marcela’. As artistas porriñesas escollen novamente a temática de xénero para denunciar as condicións de precariedade laboral das empregadas da limpeza nas grandes cadeas hoteleiras dentro dun sistema de desenrolo baseado no turismo. A súa programación na Guarda vai aparellada cos eventos relacionados co Día internacional contra a violencia machista e conta cunha. Así mesmo esta función forma parte da programación Tornar As Táboas que organiza a Deputación de Pontevedra por toda a provincia para recuperar o pulso teatral despois da pandemia.

Por último, o 10 de decembro continúa a temática de muller cunha proposta totalmente novidosa de Diana Sieira, unha actriz con longo percorrido no mundo do teatro e do circo, pero que chega por primeira vez ata a Guarda con ‘The Witch’, unha novidosa proposta chea de forza, na que estando ela sola sobre o escenario entabla unha proposta participativa establecendo un diálogo/xogo co público para recuperar o debate sobre a persecucións as mulleres menciñeiras na Idade Media.

Para asistir a calquera destas funcións é preciso reservar entrada previa cunha semana de antelación a través do lugar web eventbrite.es. En caso de dúbida ou dificultades coa plataforma o público pode achegarse ata as oficinas do Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas.

PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR

Para acudir ás representacións pensadas para as crianzas non será preciso reservar con antelación previa, estando eso si a entrada condicionada ao límite de aforo sentado

Nesta ocasión seguíuse a mesma premisa que para público adulto de programar unha función cada mes e achegar unha diversidade de historias que van dende a tradición de ‘O Quixote’ da Compañía Pedras de Cartón (29 de outubro),  a ternura da tradicional historia das ‘Fabas Máxicas’ da compañía Caramuxo Teatro (12 de novembro) e o humor e desenfado de Fran Rei con ‘Superheróe’ (4 de decembro).

Todas as representacións realizaranse no Centro Cultural, ás 20:30 horas darán comezo as recomendadas para público adulto, e ás 18:00 horas as de público familiar.

A programación de Outono Teatral é subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022.


Está pasando!