Este xoves chega a Tui Baobab Teatro con ‘O lobo e a lúa’ e o venres a proxección da película ‘A illa das mentiras’

10 Marzo 2021

Con dobre proposta, teatro familiar e cine, continúa esta semana a programación cultural no Teatro Municipal de Tui.

O xoves 11 de marzo, ás 18:30 horas, Baobab Teatro presenta ‘O lobo e a lúa’, unha obra dirixida a público familiar de Óscar Ferreira e Andrea Bayer e interpretada por Xosé Manuel Esperante e Cora Sayers.

Trátase dunha peza teatral tenra, divertida e intrigante onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Un espectáculo que transcorre nos seus 50 minutos de duración sempre de noite, á luz da lúa.

É unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor. O lobo quere falar coa lúa pero non o consegue porque está moi lonxe. Berra para facerse escoitar, pero cos seus grito non deixa durmir a ninguén no Prado Azul.

Recibiu o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en 2014.

As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 4,00 € e 3,00 € ata o xoves ás 17:30 horas.



Ao día seguinte, o venres 12 de marzo, ás 19:30 h proxectarase no Teatro Municipal o filme ‘A illa das mentiras’ dirixido por Paula Cons e protagonizado por Nerea Barros, Aitor Luna, Darío Grandinetti e Victoria Teijeiro.

A película está recomendada para público adulto e ten unha duración de 93 minutos.

O argumento avanza arredor de tres mulleres convertidas en heroínas hai 100 anos ao botarse ao mar para salvar aos supervivintes do Santa Isabel, que navegaba rumbo a Bos Aires con 260 persoas a bordo. Tras o afundimento do barco lograron salvar a 48 persoas. Pero esa noite houbo “terribles casualidades” na illa coma descobre un xornalista arxentino que acudiu á illa a cubrir a noticia do naufraxio.

As entradas están á venda en tui.gal até o venres ás 18:30 horas aos prezos de 6,00 € e 5,00 €.


Está pasando!