Este xoves comeza o ciclo en streaming ‘Ciencia en feminino’ da Deputación Pontevedra e GCiencia

2 Marzo 2021

A pandemia da Covid-19 agravou, como noutros sectores da sociedade, a complicada situación que se manifesta en clave de xénero na investigación. A fenda de coidados, o efecto tesoira nas escalas máis altas da carreira científica e a precariedade e temporalidade crónicas do sector están a dificultar a situación das mulleres na ciencia. Traballos publicados nalgunhas das máis relevantes revistas científicas constatan a existencia dun nesgo de xénero que atribúe ás mulleres un 20% menos de posibilidades de obter un proxecto ou unha praza de investigación en igualdade de condicións. Neste marco, GCiencia e a Deputación de Pontevedra impulsan durante o mes de marzo o ciclo “Ciencia en feminino”, no que científicas e persoas de referencia na análise da carreira investigadora en clave achegarán a súa visión e coñecementos.

O programa comezará o 4 de marzo, ás 19 horas, cunha entrevista coloquio con Marisol Soengas, directora do grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). O encontro será presentado por Teresa Cuíñas, xornalista da TVG.

O 11 de marzo, á mesma hora, unha mesa redonda abordará as políticas de visibilidade das referentes científicas. A cita, conducida pola xornalista Begoña Márquez, contará coa participación de Ana Jesús López Díaz, presidenta do nodo en Galicia da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-gal), Amparo Alonso, enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial e premio María Wonenburger 2020, Águeda Gómez, responsable de Igualdade da UVigo, e Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra .

O seguinte xoves, 18 de marzo, ás 20 horas, será a quenda da entrevista-coloquio con Zulema Altamirano, directora da Unidade de Muller e Ciencia do Ministerio de Ciencia. Conversará con Susana Pedreira, xornalista de Onda Cero.

O ciclo “Ciencia en Feminino” pecharase o 25 de marzo ás 19 horas coa mesa redonda, Unha carreira científica en desigualdade, conducida tamén por Begoña Márquez. Participarán María de la Fuente. Directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, Elena Ojea, directora do grupo Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, María Mayán, coordinadora do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e Carmela Silva, presidenta da Deputación provincial de Pontevedra.

Todas as actividades se desenvolverán de forma telemática e aberta, sen necesidade de inscrición previa, e poderán seguirse en directo a través de gciencia.gal e as súas plataformas de Facebook e Youtube. Os encontros estarán tamén abertos ás preguntas formuladas polo público.

Está pasando!