Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, cancela a súa quinta edición

3 Novembro 2020

Por sentido da responsabilidade para contribuír a frear a propagación do virus e como consecuencia do incremento de casos activos da covid-19 nestes últimos días na cidade de Pontevedra, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, xunto coa organización de Etiqueta Negra, decidiron suspender a celebración das catas comentadas de produtos gourmet galegos “Etiqueta Negra Experiencias”, previstas do 24 ao 29 de novembro.

A organización do evento adoptou esta resolución tras constatar o agravamento da situación sanitaria. Logo de avaliar en profundidade a situación, e ante o contorno actual con crecentes restricións sanitarias, “decidimos dar prioridade á integridade física e a saúde de produtores, público asistente, traballadores, provedores, etc. por enriba de todo e, aínda que todos os nosos esforzos se orientaron a procurar a celebración do evento coas máximas garantías de seguridade, lamentablemente, non nos queda máis remedio que tomar esta triste decisión”, afirma a concelleira socialista.

Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, espera poder celebrarse en 2021 nun ambiente máis favorable e seguro, que poida favorecer o intercambio de acordos comerciais entre os seus participantes, acadar a maior participación posible e contribuír así á reactivación da actividade económica e comercial da industria alimentaria, clave para a economía do noso país.

+info. en https://etiquetanegragourmet.com

Está pasando!