Exposición '50 anos da Casa de Rosalía' en Vilagarcía

ven16febConsultarlun26febExposición '50 anos da Casa de Rosalía' en Vilagarcíamostra comisariada por Pepe Barro(Consultar) Praza da Ravella - Vilagarcía de Arousa

Detalles do Evento

A Praza da Ravella de Vilagarcía acolle a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’ na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar o inmoble no que residiu a poetisa de Padrón.

A instalación a ceo aberto esta emprazada diante do Concello onde poderá visitarse ata o 26 de febreiro.

A mostra comisariada por Pepe Barro -tamén autor da museoloxía da Casa Museo- fai un repaso pola historia do centro, que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á colaboración de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.

A semente para acadar este logro púxoa o Padroado Rosalía, creado en 1947. O organismo converteuse en refuxio do galeguismo con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación da cultura e identidade do país. E nese contexto foi medrando a idea de recuperar a casa que habitou a autora de “Cantares Galegos”, un proxecto impulsado pola vontade popular ao que nin sequera o franquismo puido deter.

Pouco despois da morte de Rosalía, en 1885, a Casa da Matanza na que residía en Padrón fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera, fundador en 1947 do Padroado Rosalía de Castro. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración do inmoble, segundo planos de Gómez Román.

A historia dun logro colectivo

A campaña para converter a casa de Rosalía nun museo comezou en 1970 a raíz da proposta realizada por José Manuel Rey de Viana no Pedrón de Ouro. Participaron nesta causa centos de persoas anónimas de toda Galicia, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración. A iniciativa conseguiu a adhesión de máis de 70 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, clubs de fútbol como o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Como dato anecdótico, Angueira explicou que o club Celta de Vigo aproveitou o partido contra o Real Madrid en Vigo en 1971 para contribuír á causa, doando unha peseta por cada entrada vendida. “Foron 35.000 entradas e 35.000 pesetas obtidas do encontro que, a maiores, gañou o Celta” apuntou.

A campaña saldouse cunha recadación de 994.043 pesetas que se destinaron á executar o proxecto do museo, unha iniciativa que se fixo realidade en 1971 co Padroado presidido por Sixto Seco e baixo a dirección de Fernández-Albalat. A Casa-Museo de Rosalía de Castro inaugurouse o 15 de xullo dese mesmo ano segundo a montaxe e dirección museística de Xosé Filgueira Valverde.

Hora

febreiro 16 (Venres) - 26 (Luns)

Localización

Praza da Ravella

Praza da Ravella 36600 Vilagarcía de Arousa

Está pasando!