John Németh | XXXI Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

Concerto de John Németh en Pontevedra

lun04ago20:30Concerto de John Németh en PontevedraXXXI Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra20:30 Praza da Ferraría - Pontevedra

Detalles do Evento

O XXXI Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra botará a andar o luns 4 de agosto, cun concerto do cantante e armonicista norteamericano John Nemeth, considerado unha das mellores voces do soul blues do momento.

As actuacións da trixésima primeira edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, con entrada de balde, terán lugar na Praza da Ferraría, dando comezo todas elas ás 22:30 horas.

JOHN NEMETH

Nado en 1975, este compositor, cantante e harmonicista norteamericano foi galardoado ao longo da súa carreira con cinco Blues Music Awards en distintas categorías: mellor cantante masculino de soul, mellor álbum de blues, mellor instrumentista e mellor álbum de blues tradicional.

Durante a súa adolescencia na súa Idaho natal, Németh sentiuse atraído polos sons do hip hop e polas bandas de rock da época, ata que xunto a Junior Wells formou o grupo Fat John & the 3 Slims, que aínda hoxe se considera unha banda lendaria na rexión. John tocaba a harmónica e cantaba, e rapidamente chamou a atención de músicos de blues consolidados e de discográficas especializadas. Non pasou moito tempo antes de que lanzase as súas propias gravacións, ‘The Jack of Harps’ (2002) e ‘Come and Get It’ (2004), con Junior Watson.

En 2004, John mudouse a San Francisco, onde se mergullou nas ricas e profundas augas musicais da área da Bahía, absorbendo os ritmos soul e funk das mellores bandas da zona.

O seu álbum ‘Magic Touch’ (2007) recibiu unha resposta eufórica dos fans e os medios de comunicación, que o aclamaron como a nova voz do blues. A crítica especializada chegou a dicir que o disco concedía esperanza para a supervivencia deste xénero musical.

En 2008 colaborou co guitarrista e cantante hall of fame do rock and roll Elvin Bishop, prestando a súa voz a varias das cancións que conformaron o álbum candidato ao Grammy ‘The Blues Rolls On’.

Os discos ‘Love Me Tonight’ (2009) e ‘Name the Day’ (2010) supuxeron o inicio da longa serie de éxitos de John Németh nos Blues Music Awards (BMA), nos que foi candidato en vinte ocasións.

En 2013, tras mudarse a Memphis (Tennessee), lanzou un álbum de clásicos do soul revisitados, ‘Memphis Grease’, co que obtivo dous dos devanditos galardóns, como mellor artista masculino de soul blues, e como mellor álbum de soul blues.

En 2017 lanzou ‘Feelin’ Freaky’, un álbum de cancións orixinais baseadas nas súas fortes influencias de blues e R&B, pero tamén cheo de sons contemporáneos de hip hop e rock ‘n’ roll, estilos que o marcaron na súa mocidade e que nunca chegou a abandonar de todo.

Co seu décimo álbum, ‘Stronger Than Strong’ (2019), no que presentou dez composicións orixinais, demostrou, unha vez máis, a súa asombrosa habilidade para combinar blues e soul retro e moderno, construíndo un estilo propio e inconfundible, que é o seu sinal de identidade.

En 2022, pouco antes de someterse a unha cirurxía complicada de mandíbula que potencialmente podería impedirlle volver cantar, gravou ‘May Be the last Time’, acompañado dos seus colegas máis habituais —Elvin Bishop, Bob Welsh, Willy Jordan, Kid Andersen e Alabama Mike—, buscando todos eles compartir o poder curativo da música durante unha sesión de gravación de dous días nos Greaseland Studios. O resultado foi tan sandador e abraiante, que o levou a gañar o seu —até agora— último premio Blues Music Awards, na categoría de mellor instrumentista do ano 2023.

FORMACIÓN:

  • John Németh – Voz e harmónica
  • Andrew McNeill- Batería
  • Benton Parker – Baixo
  • Gabe Stillman – Guitarra

XXXI FESTIVAL INTERNACIONAL DE JAZZ E BLUES DE PONTEVEDRA

A trixésima primeira edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra volve converterse nun indubidable referente para a cada vez máis numerosa afección, tanto pontevedresa como foránea, que é seguidora apaixonada desta clase de música.

E faino reafirmándose nas súas conviccións e principios, que se resumen no compromiso irrenunciable de ofrecer ao público o mellor cartel posible, tanto no ámbito internacional, con artistas que son considerados pola crítica e o público como os máis destacados a nivel mundial cos seus respectivos estilos e propostas, como tamén, por suposto, apostando por promover o talento novo e con futuro que destaca pola súa evidente calidade na puxante escena galega.

Nesta ocasión, veciñanza e visitantes poderán gozar da música entre o 4 e o 8 de agosto, unha fermosa antesala para as Festas da Peregrina.

Dous son os elementos que o distinguen doutras propostas similares: a súa calidade, sempre de primeiro nivel e sempre con nomes de importancia superlativa; e a súa accesibilidade, que continúa apostando por ser un evento de entrada libre, de balde, para todos e todas.

O festival, con máis de trinta de anos de historia, é tamén coñecido pola súa combinación de talento galego e internacional, alternando noites con melodías chegadas desde Estados Unidos, con outras locais, con ADN Pontevedrés.

Así será o caso de Litet Steg —cuarteto con compoñentes de Ourense, A Coruña ou Pontevedra, entre os que figura o contrabaixista Xacobe Martínez— ou Allo Negro, agrupación nada na cidade de Pontevedra, que realiza unha mestura de blues, jazz e soul propio dos anos 50 e 60, mais cunha cualidade única: con letras en galego. Actuarán o 4 e o 6 de agosto, respectivamente.

No bando internacional, a primeira noite o público contará con John Németh, un afamado harmonicista de Memphis (Nashville, EE.UU.), especializado no blues e no soul, que de seguro encantará aos amantes do xénero o luns, 4 de agosto. 

Verónica Suíz, subirá ao escenario o 7 de agosto, unha aposta polo talento emerxente e actual, cunha capacidade vocal emocionante, e cunha capacidade abrumadora para recoller influencias e mesturar estilos.

Por último, Robben Ford, tomará coa súa guitarra o 8 de agosto nunha noite que promete ser inesquecíbel para os amantes do instrumento das seis cordas, ao ser Ford un virtuoso vivo do mesmo. Unha lenda que chega a Pontevedra por primeira vez, ofrecendo o Festival de Jazz e Blues unha oportunidade totalmente «única» de poder velo tan próximo e de balde.

As actuacións terán lugar na Praza da Ferraría, dando comezo todas elas ás 22:30 horas.

Alén do cartaz principal, a programación tamén contempla os tradicionais pasarrúas a cargo da Brass Atlantic Street Band, que desde o primeiro día percorrerán o centro da cidade lembrando ese ambiente tan de Nova Orleáns.

Hora

(Luns) 20:30

Localización

Praza da Ferraría

Praza da Ferraría, Pontevedra

Está pasando!