Litet Steg XXXI | Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

Concerto de Litet Steg en Pontevedra

mar05ago22:30Concerto de Litet Steg en PontevedraXXXI Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra22:30 Praza da Ferraría - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 5 de agosto, Litet Steg, o novo proxecto liderado polo guitarrista e compositor Manuel Cebrián, actuará na XXXI edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.

FORMACIÓN:
Manuel Cebrián – guitarra
Xosé Miguélez – saxo tenor
Xacobe Martínez – contrabajo
David Puíme – batería

As actuacións da trixésima primeira edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, con entrada de balde, terán lugar na Praza da Ferraría, dando comezo todas elas ás 22:30 horas.

LITET STEG

Este cuarteto xorde da necesidade compositiva do seu líder, polo que todas as composicións deste proxecto discográfico son músicas orixinais feitas ex professo para esta formación.

O resultado é un jazz vibrante que explora as posibilidades rítmicas, texturais e tímbricas dunha formación cun son acústico que bebe das fontes do jazz americano da última década. O repertorio de Litet Steg (pequeno paso) fala dos pequenos impulsos que son necesarios para botar a andar, da relación do ser humano coa natureza, do que significa vivir no mundo contemporáneo, e reflicte a traxectoria como músico multidisciplinar do seu autor.

Logo de se presentar a finais de 2023, a formación ten tocado en diferentes espazos ao longo da xeografía galega recibindo unha gran acollida por parte do público, o que levou a plasmar ese traballo musical nun proxecto discográfico.

XXXI FESTIVAL INTERNACIONAL DE JAZZ E BLUES DE PONTEVEDRA

A trixésima primeira edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra volve converterse nun indubidable referente para a cada vez máis numerosa afección, tanto pontevedresa como foránea, que é seguidora apaixonada desta clase de música.

E faino reafirmándose nas súas conviccións e principios, que se resumen no compromiso irrenunciable de ofrecer ao público o mellor cartel posible, tanto no ámbito internacional, con artistas que son considerados pola crítica e o público como os máis destacados a nivel mundial cos seus respectivos estilos e propostas, como tamén, por suposto, apostando por promover o talento novo e con futuro que destaca pola súa evidente calidade na puxante escena galega.

Nesta ocasión, veciñanza e visitantes poderán gozar da música entre o 4 e o 8 de agosto, unha fermosa antesala para as Festas da Peregrina.

Dous son os elementos que o distinguen doutras propostas similares: a súa calidade, sempre de primeiro nivel e sempre con nomes de importancia superlativa; e a súa accesibilidade, que continúa apostando por ser un evento de entrada libre, de balde, para todos e todas.

O festival, con máis de trinta de anos de historia, é tamén coñecido pola súa combinación de talento galego e internacional, alternando noites con melodías chegadas desde Estados Unidos, con outras locais, con ADN Pontevedrés.

Así será o caso de Litet Steg —cuarteto con compoñentes de Ourense, A Coruña ou Pontevedra, entre os que figura o contrabaixista Xacobe Martínez— ou Allo Negro, agrupación nada na cidade de Pontevedra, que realiza unha mestura de blues, jazz e soul propio dos anos 50 e 60, mais cunha cualidade única: con letras en galego. Actuarán o 4 e o 6 de agosto, respectivamente.

No bando internacional, a primeira noite o público contará con John Németh, un afamado harmonicista de Memphis (Nashville, EE.UU.), especializado no blues e no soul, que de seguro encantará aos amantes do xénero o luns, 4 de agosto. 

Verónica Suíz, subirá ao escenario o 7 de agosto, unha aposta polo talento emerxente e actual, cunha capacidade vocal emocionante, e cunha capacidade abrumadora para recoller influencias e mesturar estilos.

Por último, Robben Ford, tomará coa súa guitarra o 8 de agosto nunha noite que promete ser inesquecíbel para os amantes do instrumento das seis cordas, ao ser Ford un virtuoso vivo do mesmo. Unha lenda que chega a Pontevedra por primeira vez, ofrecendo o Festival de Jazz e Blues unha oportunidade totalmente «única» de poder velo tan próximo e de balde.

As actuacións terán lugar na Praza da Ferraría, dando comezo todas elas ás 22:30 horas.

Alén do cartaz principal, a programación tamén contempla os tradicionais pasarrúas a cargo da Brass Atlantic Street Band, que desde o primeiro día percorrerán o centro da cidade lembrando ese ambiente tan de Nova Orleáns.

Hora

(Martes) 22:30

Localización

Praza da Ferraría

Praza da Ferraría, Pontevedra

Está pasando!