Robben Ford | Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

Concerto de Robben Ford en Pontevedra

ven08ago22:30Concerto de Robben Ford en PontevedraXXXI Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra22:30 Praza da Ferraría - Pontevedra

Detalles do Evento

O venres 8 de agosto, o guitarrista de blues, jazz e rock Robben Ford, actuará na XXXI edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.

FORMACIÓN:
Robben Ford – Guitarra e voz
Ross Stanley – Órgano
Joel Barford – Batería

As actuacións da trixésima primeira edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, con entrada de balde, terán lugar na Praza da Ferraría, dando comezo todas elas ás 22:30 horas.

Robben Ford é un dos guitarristas máis aplaudidos do panorama musical actual. Destaca especialmente pola súa facilidade para desenvolverse en diversos contextos e estilos, como o jazz, o blues, o rythm&blues e o rock and roll. Foi cinco veces candidato aos premios Grammy e colaborou en xiras e gravacións de artistas tan lendarios e diversos como Joni Mitchell, Miles Davis, George Harrison, Bonnie Raitt, Bob Dylan, John Mayall, John Scofield, Keb Mo, Mavis Staples, e tantos outros.

Naceu en 1951 en Woodlake, California, no seo dunha familia de músicos. O seu pai foi cantante e guitarrista de country, e a súa nai era tamén cantante e pianista.

O primeiro instrumento que Robben elixiu foi o saxofón, que comezou a tocar aos dez anos, pero aos trece empezou a tocar de forma autodidacta a guitarra, converténdose no seu instrumento preferido, tras frecuentar os concertos que nos anos 60 e 70 ofrecían en San Francisco guitarristas lendarios como Jimi Hendrix, Eric Clapton, Albert King ou B.B. King.

Robben Ford | Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

Sobre o seu interese polo jazz, Robben cita influencias de saxofonistas como Paul Desmond, Ornette Coleman, John Coltrane, Wayne Shorter…, pero tamén de pianistas como Dave Brubeck, e, por suposto, colocando no lugar máis destacado á trompeta de Miles Davis, a quen tivo a honra —como el mesmo dixo— de acompañar nunha das súas últimas xiras. Estas influencias permaneceron ao longo da súa amplísima carreira musical, desempeñando un papel importante na súa particular mestura de jazz e blues que o define como guitarrista, e que lle permite tocar nunha ampla variedade de escenarios.

En 1977, na súa primeira gravación en solitario, ‘The Inside Story’, colaborou con el un grupo de músicos que logo se converterían na mítica banda coñecida como os Yellowjackets.

O disco Talk to Your Daughter (1988) valeulle a súa primeira candidatura aos premios Grammy na categoría de mellor gravación de blues contemporáneo.

Tiger Walk, foi a súa primeira gravación instrumental, e ‘Supernatural’, o seu traballo máis logrado até ese momento como compositor.

En marzo de 2014 lanzou ‘A Day In Nashville’, unha proeza de gravación realizada literalmente nun só día en Nashville. ‘Into The Sun’ publicouse en marzo de 2015. Debutou no posto número 2 da lista Billboard Blues e foi candidato a un premio Grammy na categoría de blues contemporáneo.

Os seus últimos lanzamentos foron ‘Purple House’ (2018), e Pure, o seu primeiro disco instrumental desde ‘Tiger Walk’.

Un compoñente esencial da carreira de Robben Ford é o seu compromiso co ensino. Os seus vídeos instrutivos culminaron no nacemento dun ambicioso proxecto pedagóxico de gran altura denominado ‘Robben Ford Guitar Dojo’.

Velo subir ao escenario é, a partes iguais, gratificante e impresionante, alcanzando unha fusión perfecta de creatividade e emoción que dá como resultado unha música de extraordinaria calidade. En canto toca a súa primeira nota, o espectador percibe que está ante un auténtico mestre da guitarra ao que, por certo, é moi pouco habitual poder ver actuando no noso país, de modo que aproveitar unha ocasión como esta tórnase imprescindible.

XXXI FESTIVAL INTERNACIONAL DE JAZZ E BLUES DE PONTEVEDRA

A trixésima primeira edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra volve converterse nun indubidable referente para a cada vez máis numerosa afección, tanto pontevedresa como foránea, que é seguidora apaixonada desta clase de música.

E faino reafirmándose nas súas conviccións e principios, que se resumen no compromiso irrenunciable de ofrecer ao público o mellor cartel posible, tanto no ámbito internacional, con artistas que son considerados pola crítica e o público como os máis destacados a nivel mundial cos seus respectivos estilos e propostas, como tamén, por suposto, apostando por promover o talento novo e con futuro que destaca pola súa evidente calidade na puxante escena galega.

Nesta ocasión, veciñanza e visitantes poderán gozar da música entre o 4 e o 8 de agosto, unha fermosa antesala para as Festas da Peregrina.

Dous son os elementos que o distinguen doutras propostas similares: a súa calidade, sempre de primeiro nivel e sempre con nomes de importancia superlativa; e a súa accesibilidade, que continúa apostando por ser un evento de entrada libre, de balde, para todos e todas.

O festival, con máis de trinta de anos de historia, é tamén coñecido pola súa combinación de talento galego e internacional, alternando noites con melodías chegadas desde Estados Unidos, con outras locais, con ADN Pontevedrés.

Así será o caso de Litet Steg —cuarteto con compoñentes de Ourense, A Coruña ou Pontevedra, entre os que figura o contrabaixista Xacobe Martínez— ou Allo Negro, agrupación nada na cidade de Pontevedra, que realiza unha mestura de blues, jazz e soul propio dos anos 50 e 60, mais cunha cualidade única: con letras en galego. Actuarán o 4 e o 6 de agosto, respectivamente.

No bando internacional, a primeira noite o público contará con John Németh, un afamado harmonicista de Memphis (Nashville, EE.UU.), especializado no blues e no soul, que de seguro encantará aos amantes do xénero o luns, 4 de agosto. 

Verónica Suíz, subirá ao escenario o 7 de agosto, unha aposta polo talento emerxente e actual, cunha capacidade vocal emocionante, e cunha capacidade abrumadora para recoller influencias e mesturar estilos.

Por último, Robben Ford, tomará coa súa guitarra o 8 de agosto nunha noite que promete ser inesquecíbel para os amantes do instrumento das seis cordas, ao ser Ford un virtuoso vivo do mesmo. Unha lenda que chega a Pontevedra por primeira vez, ofrecendo o Festival de Jazz e Blues unha oportunidade totalmente «única» de poder velo tan próximo e de balde.

As actuacións terán lugar na Praza da Ferraría, dando comezo todas elas ás 22:30 horas.

Alén do cartaz principal, a programación tamén contempla os tradicionais pasarrúas a cargo da Brass Atlantic Street Band, que desde o primeiro día percorrerán o centro da cidade lembrando ese ambiente tan de Nova Orleáns.

Hora

(Venres) 22:30

Localización

Praza da Ferraría

Praza da Ferraría, Pontevedra

Está pasando!