'Dende a Fenda', exposición en Vigo

xov24novConsultardom15xan'Dende a Fenda', exposición en Vigo'Prácticas artísticas e feministas en Galicia'(Consultar) Sede de Vigo. Deputación de Pontevedra - Vigo

Detalles do Evento

As obras de Mar Caldas, Amaya González Reyes, Itziar Ezquieta, Xisela Franco, Rebeca Lar, Mery Pais, Chelo Matesanz, Mar Ramón, Nuria Ruibal e Neves Seara, vinculadas á Facultade de Belas Artes, ocuparán as salas Maruja Mallo e Rosalía de Castro


Son dez das creadoras máis destacadas da arte galega e todas vinculadas á Facultade de Belas Artes de Pontevedra onde estudaron ou imparten clase. Mar Caldas, Amaya González Reyes, Itziar Ezquieta, Xisela Franco, Rebeca Lar, Chelo Matesanz, Mery Pais, Mar Ramón, Nuria Ruibal e Neves Seara son as protagonistas de ‘Dende a Fenda. Prácticas artísticas e feministas en Galicia’, a mostra que a Deputación de Pontevedra inaugurará o xoves 24 de novembro coas obras multidisciplinares destas mulleres, co fío condutor da brecha de xénero, e que encherá as dúas salas da sede de Vigo, Maruja Mallo e Rosalía de Castro. Esta nova exposición enmárcase na ampla programación do 25N que a institución desenvolverá en toda a provincia e inaugurarase ás 19 horas, nun acto que contará coa performance en directo de Constance Hurlé. Para asistir é preciso confirmar asistencia no enderezo electrónico participa.cultura@depo.es.

‘Dende a Fenda’ reflicte  sobre as achegas da loita feminista as artes plásticas e visuais e pregunta se a arte pode ser unha ferramenta transformadora cara un cambio social. A resposta está nesta mostra colectiva de creadoras que desenvolveron o seu traballo “desde as trincheiras da arte feminista e do activismo social” e que recolle algunhas prácticas artísticas desenvolvidas en Galicia nos últimos anos, na procura de ocupar os espazos públicos con olladas feministas desde a arte contemporánea.

Traballos de pintura, escultura, instalación, fotografía, videocreación, arte sonora, performance, debuxo, ilustración e gravado articulan a exposición, que converterá á sede de Vigo da Deputación nunha plataforma para a visibilización e para a loita contra as violencias machistas, así como nun espazo de reflexión e conver participativa sobre as prácticas feministas en Galicia desde o plano da creación, o debate e a implicación social. A mostra busca propiciar a reflexión sobre o que supón ser muller e ser artista nestes momentos, así como sobre as novas canles das que o machismo se serve na actualidade para seguir sometendo á metade do mundo e tamén busca interpelar ao público a pensar sobre as “accións e re-accións” que realiza cada día, en favor ou non do cambio.


Hora

Novembro 24 (Xoves) - Xaneiro 15 (Domingo)

Localización

Sede de Vigo. Deputación de Pontevedra

Rúa Eduardo Chao, 17, 36202 Vigo

Está pasando!