Día de Rosalía de Castro no Campus de Pontevedra

lun23feb20:00Día de Rosalía de Castro no Campus de PontevedraConferencia 'A vixencia do mundo poético rosaliano'20:00 Casa das Campás. Vicerreiroría do Campus de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra anuncia a celebración do acto conmemorativo do Día de Rosalía de Castro, que este ano contará cunha conferencia adicada á vixencia da obra da escritora máis universal das letras galegas.

A conferencia ‘A vixencia do mundo poético rosaliano’, impartida por Francisco Rodríguez Sánchez (Profesor de Lingua e Literatura, escritor e político), terá lugar o luns 26 de febreiro ás 20:00 horas, na Casa das Campás.

Esta conferencia busca afondar na riqueza temática, estética e sociocultural da obra de Rosalía de Castro, así como analizar a súa influencia e presenza no pensamento e na creación literaria contemporánea.

Francisco Rodríguez Sánchez (Serantes, Ferrol, 22 de novembro de 1945) é un político, profesor e crítico literario galego. A súa traxectoria intelectual e pública convérteo nunha das figuras máis destacadas do nacionalismo cultural e político galego das últimas décadas.

Cursou Historia e Filoloxía Románica na Universidade de Madrid e doutorouse pola Universidade de Santiago de Compostela en 1988 cunha tese dedicada a Rosalía de Castro, que posteriormente se publicou como ‘Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro’.

Gañou oposicións como profesor de Lingua e Literatura españolas, exercendo docencia en diversos institutos de Galicia e do Estado entre 1969 e 1995. Tamén foi autor dunha extensa obra de investigación e ensaio sobre literatura, sociolingüística e pensamento galego, entre a que destacan títulos como ‘Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galiza’ (1976), ‘A evolución ideolóxica de Manuel Curros Enríquez’ (1972) e estudos fundamentais sobre Rosalía e Blanco Amor.

No ámbito político, foi deputado no Parlamento de Galicia (1993–1996) e no Congreso dos Deputados entre 1996 e 2008 polo Bloque Nacionalista Galego. Foi tamén Secretario Xeral da Unión do Povo Galego (UPG) entre 2000 e 2012.

A súa combinación de traballo intelectual, compromiso cultural e acción política converten a Rodríguez Sánchez nun dos grandes referentes da análise sociocultural de Galicia e, en particular, da interpretación contemporánea da obra rosaliá.

Hora

(Luns) 20:00

Localización

Casa das Campás. Vicerreiroría do Campus de Pontevedra

Rúa don Filiberto, 9 36002 Pontevedra

Está pasando!