Exposición ‘Compartir é vivir. Sharing is living’ en Vigo

lun16febConsultarven27marExposición ‘Compartir é vivir. Sharing is living’ en VigoIdentidade e Convivencia(Consultar) Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo - Vigo

Detalles do Evento

A exposición colectiva itinerante ‘Compartir é vivir. Sharing is living’, chega á sede de Vigo da Deputación de Pontevedra con obras de 15 artistas de seis países (España, o Brasil, Colombia, os Estados Unidos, Guatemala e México) para xerar unha reflexión arredor da desigualdade, a violencia, a convivencia e a identidade e para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra cada 25 de novembro.

Camisariada por Yolanda Herranz Pascual e Celeste Garrido Meira, ‘Compartir é vivir. Sharing is living’ é unha recompilación de obras de 15 artistas pensadas para o espazo público, considerado como un ben común que é de todos e de ninguén, e tamén como un dereito reclamado desde sempre polas mulleres.

Formalmente trátase de dípticos formados por dúas imaxes concibidas como unha unidade de creación que debían intervir quince MUPI (Moble Urbano de Presentación de Información, paneis verticais na rúa que normalmente acollen publicidade) localizados no concello de Marín no ano 2022.

Os e as artistas participantes son Guerrilla Girls (EE.UU.), Yolanda Herranz (España), Regina José Galindo (Guatemala), Celeste Garrido (España), Beth Moysés (Brasil), Mau Monleón (España), Elina Chauvet (México), Mar Caldas (España), Bia Santos (Brasil), Nela –Manola Roig– (España), Lorena Wolffer (México), Samuel Gallastegui (España), Patricia Glauser (Colombia), Alissia (Mª Penalva-Leal) (España) e Lilian Amaral (Brasil).

‘Compartir é vivir. Sharing is living’ acolle unha mensaxe de esperanza: a aspiración humana da convivencia en paz. Os e as 15 artistas renegan da violencia e propoñen o afecto e a non agresión, formulando a reivindicación dun futuro compartido. As propostas desta exposición están concibidas desde unha consciencia crítica e un posicionamento feminista que reivindica a necesidade de abandonar o silencio, de rexeitar a violencia e de aspirar ao respecto da dignidade humana, desde a creación artística, a colaboración, a reivindicación e a transformación do “eu” e do humano para mellorar o mundo.

Visitable do 16 de febreiro ao 27 de marzo, de luns a venres, de 09.00 a 20.30 horas.

A Deputación organizará durante o período de apertura da exposición visitas guiadas polas comisarias e acollerá actividades como a presentación do catálogo e unha performance.

Hora

Febreiro 16 (Luns) - Marzo 27 (Venres)

Localización

Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

Rúa Eduardo Chao, 17, 36202 Vigo

Está pasando!