Exposición de Alfonso Galván en Vigo

ven04abrConsultardom07setExposición de Alfonso Galván en Vigounha mirada á traxectoria do artista(Consultar) MARCO - Vigo

Detalles do Evento

Alfonso Galván (Madrid, 1945) é un artista en extremo persoal, creador dun mundo marcado pola síntese entre o rigor da súa entrega, o coñecemento do que quere contar, o dominio de como contalo e unha fantasía desbordante.

Unha imaxe vista ou un recordo son detonantes do arranque dun proceso creativo no que o tempo se detén, porque a imaxe crece moi lenta, allea ao ritmo exterior. A pintura non pretende representar unha escena senón mostrarnos a súa paisaxe, a súa historia, a súa memoria, os seus ecos.

Alfonso Galván. ‘Los sueños de la razón’, 2024. Tinta chinesa, carbón e acrílico sobre lenzo, 91 x 110 cm
Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía

A súa obra inicial ten un forte contido social, para proseguir con imaxes dunha natureza onírica, na que se mesturan as referencias culturais, os símbolos, os xogos. Todo sucede e entrelázase. Galván pinta sen bosquexos previos: entra na tea ou o papel co ánimo de habitalo e deixar rexistro do que acontece, ata chegar con frecuencia a cadros case infinitos, aos que a multiplicación de paneis lles dá un aire narrativo, mesmo de percorrido circular.

Convén deterse en cada cadro, percorrelo como foi pintado, na certeza de que descubriremos acenos, xogos, interrogantes, microcosmos.

Alfonso Galván. Cebra, 1990. Óleo sobre lenzo, 160 x 240 cm
Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía

A mostra, que non ten un sentido cronolóxico estrito, establece dúas atmosferas: unha dominada pola presenza de animais en escenas densas, pechadas, de forte contido ficcional, utilizando como punto de partida documentos e fotografías familiares tomadas en África nos anos 50; outro en aparencia máis lírico, con paisaxes abertas e referencias orientalistas, con inclusión de textos en chinés, en especial do Daodejing, que Alfonso Galván traduciu, ilustrou e caligrafou.

Ambas as dúas seccións serven de reflexión para entender unha traxectoria na que o proceso da pintura decide o seu desenvolvemento e o seu final.

Alfonso Galván nin busca reproducir a realidade nin traballa fronte a ela, pero necesita controlar, respirar aquilo que lle preocupa, por iso aínda que pinta nun estudio pechado, sen bosquexos previos, vive na natureza, e cando sente unha forte atracción pola cultura chinesa, aprende o seu idioma e introduce os seus signos nos cadros. Unha elección que é similar á que o leva a pintar un mural con leves capas de tinta e lapis, e o empeño dura case dez anos.

Alfonso Galván. ‘Tótem’, 1991. Tinta, lapis e cera sobre papel, 48 x 142 cm. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía

Artista con frecuencia esquecido nos balances que revisan a pintura española, malia a súa sorprendente irrupción a mediados dos anos 70, cunha obra distinta á da súa xeración e a anterior, está presente en coleccións como a do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

Miguel Fernández-Cid, director do MARCO e comisario da exposición.

O personal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Do 4 de abril ata o 7 de setembro de 2025 en el MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo). De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Domingos, de 11.00 a 14.30 horas.

Hora

Abril 4 (Venres) - Setembro 7 (Domingo)

Localización

MARCO

Rúa Príncipe, 54 36202 Vigo

Está pasando!