Exposición 'Leopoldo Varela. A forza da cor' en Pontevedra

ven14novConsultardom11xanExposición 'Leopoldo Varela. A forza da cor' en PontevedraDeputación de Pontevedra(Consultar) Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A forza da cor foi a característica máis destacada da pintura de Leopoldo F. Varela (O Porriño, 1929-Vigo, 2007), como asina nos seus inicios. Pintor autodidacta, comezou a súa traxectoria como acuarelista, técnica coa que se deu a coñecer ao público en 1954 na sala Foto Club de Vigo e pola que en 1972 recibiu unha medalla de prata na Bienal de Arte de Pontevedra.

A exposición amosa a súa produción desde comezos dos anos setenta, coincidindo co momento no que o óleo adquire protagonismo na súa obra e adopta os postulados da Escola de Madrid, seguidora do estilo de Benjamín Palencia; unha pintura figurativa, non académica, que reinterpreta a realidade desde os elementos construtivos do cubismo e o cromatismo fauve coa intención de transmitir os elementos esenciais da paisaxe, fuxindo dos tópicos.

Leopoldo logra nestes anos un estilo de madurez caracterizado por unha paleta moi alegre, tal e como mencionaba a crítica tras a súa participación na ‘IX Exposición ó ar libre’, que tivo lugar en 1976 na praza da Princesa de Vigo, unha das moitas mostras ás que concorreu froito da súa incursión no ambiente cultural da cidade, onde era asiduo ao faladoiro do Eligio.

A súa actividade expositiva non se circunscribiu á Cidade Olívica e a súa obra tamén se puido ver en galerías do resto de Galicia, en Madrid e alén do Atlántico.

A finais da década dos setenta a súa pintura abandona os parámetros da Escola de Madrid, dos que manterá a intensidade da cor sen dubidar en transgredir os tons da natureza, para penetrar nun estilo persoal que evoluciona cara a un expresionismo cromático centrado nas posibilidades plásticas da materia aplicada coa espátula dun modo moi xestual, con forza; non pinta, senón que modela o pigmento, en ocasións aplicándoo cos dedos para transmitir a cor da paisaxe galega, da que sempre afirmou que era moito máis do que se ve, por iso Blanco Amor chegou a dicirlle: “Ti na pintura sacas a flor da terra o que non vemos os demais”.

Porque Leopoldo Varela non transcribe a paisaxe mimeticamente, senón que a representa como el a ve, peneirada polo mundo dos sentidos, coa capacidade de plasmar o instante.

A súa obsesión pola cor levouno, nos anos noventa, a experimentar coa materia sen máis pretensión que facer protagonista o pigmento do proceso de execución da obra, estampando o papel sobre un cristal impregnado de óleo, serie que el denominaba ‘El Invento’, ou explorando as posibilidades que lle proporcionaba a augada, tanto aplicada con esponxas coma permitindo que se expandise polo soporte. Unhas obras que por primeira vez se amosan ao público.

Leopoldo non temeu perder o vínculo coa realidade para priorizar a atmosfera e a cor, intuíndo formas por toda a superficie en referencia á pintura de Turner, cuxa maneira de interpretar a paisaxe foi un dos seus referentes.

Comisaria: Beatriz De San Ildefonso Rodríguez

Visitable do 11 de novembro de 2025 ao 11 de xaneiro de 2026 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Horario:

  • De martes a sábados: de 10h a 21h
  • Domingos e festivos: de 11h a 14h
  • Pechado os luns e os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro

Hora

Novembro 14 (Venres) - Xaneiro 11 (Domingo)

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!