Exposición 'Luís Alcántara. O mundo interior', en Vigo

mér09abrConsultarsáb31maiExposición 'Luís Alcántara. O mundo interior', en Vigounha coidada escolma de obras do artista vigués(Consultar) Sede Afundación Vigo - Vigo

Detalles do Evento

A Sede Afundación Vigo acolle na súa Sala de Exposicións I ‘Luís Alcántara. O mundo interior’, unha coidada escolma de obras do artista vigués. Trátase dunha homenaxe que repasa a súa traxectoria multidisciplinar e de estilo xenuíno.

Entre as súas pezas, figuran algunhas pertencentes á Colección de Arte Afundación, asinadas por el.

Visitable ata o 31 de maio de 2025. Luns a sábados, de 17.30 a 20.30h. Domingos e festivos, pechado.

Comisario | Xácome Alcántara

«Como te vas aburrir se o mundo está dentro de ti?»

Esta frase é unha máxima que Luís Alcántara (Vigo, 4 de xaneiro de 1957 – 13 de maio de 2022) recordaba decote aos seus fillos, e que aprendeu da súa moi amada avoa Sara. Isto mesmo quizais sexa o fundamento do que Alcántara nos propón en todas as súas creacións: que usemos o noso mundo interior para completar a visión da súa obra.

As nosas experiencias vitais, a nosa memoria e o noso rexistro emocional son apelados constantemente por Alcántara. A imaxinación visual deste artista plásmase nas súas creacións de forma profunda, decidida e inevitable, e cada persoa engade as súas particularidades cando se ten a fortuna e a oportunidade de experimentalas en directo.

Cada pintura remite ás demais na traxectoria deste pintor. Máis de 500 obras, unha profusión de material diverso, mais claro en intencións. Todo o seu traballo amósase ben delimitado, elegante, puído, diferente, mais na mesma frecuencia.

LUÍS ALCÁNTARA

Pintor autodidacta, admirador e estudoso da obra de grandes artistas do Renacemento durante distintas estadías en París ou viaxes por Italia, durante anos concorreu a diversos certames pictóricos, gañando no seu día o de Arte Xove Galega ou o de Novos valores convocado por Caixavigo.

Na colección de Afundación consérvanse doce obras deste autor, datadas entre os anos 1985 e 2000, a maioría da década dos 90, época que se corresponde coa consolidación do seu estilo e a participación en diversas mostras. Nos exemplos obxecto desta análise, o autor emprega diferentes soportes e técnicas, desde o lenzo ao cartón, combinando o óleo con diversas técnicas mixtas.

Repítense os motivos característicos da súa linguaxe creativa, baseados nunha gran capacidade técnica co debuxo. As representacións de cabezas, froitas, siluetas humanas ou arquitecturas baleiras toman o protagonismo de boa parte da súa produción, reiterándose nas distintas composicións. En moitas ocasións, como en Cualificado, Alacea vertical, Xerro e pano ou Grande inventario italiano, obsérvase o interese de Alcántara por compartimentar a superficie pictórica, reservando cada pequeno espazo para destacar os motivos representados máis frecuentes.

Na última obra mencionada obsérvase a presenza de arquitecturas que lembran os urbanismos metafísicos de Chirico, mentres que o protagonismo que outorga ao ser humano poderíase relacionar co interese que sentiu polo Renacemento e o seu antropocentrismo.

Alcántara desenvolveu un estilo figurativo no que o debuxo adquire gran protagonismo, converténdose na base das súas composicións, nas que predominan as gamas cromáticas onde os ocres, verdes e grises se apropian da superficie.

Esta exposición foi promovida pola familia do artista, coa colaboración de Afundación, Obra Social Abanca.

Esta mostra forma parte do proxecto solidario CULTURA POR ALIMENTOS. Accede ao edificio cunha doazón de produtos non perecedoiros.

Hora

Abril 9 (Mércores) - Maio 31 (Sábado)

Localización

Sede Afundación Vigo

Policarpo Sanz, 24 - 26 36202 Vigo

Está pasando!