Ombligo | © Guillermo Carazo

Festival SinSal no Porto de Vigo

xov25xul20:30Festival SinSal no Porto de VigoEscenario Océano20:30 Terminal Kaleido Logistics - Porto de Vigo - Vigo

Detalles do Evento

Unha nova xornada dedicada aos océanos como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural será o punto de partida da nova edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia. O xoves 25 de xullo, o porto de Vigo será o espazo que acolla o Escenario Océano, a iniciativa posta en marcha no 2023 da man de Sinsalaudio e Kaleido Logistics, alianza que se mantén viva coa intención de favorecer e visualizar a relación entre a diversidade cultural e o patrimonio industrial vigués.

A xornada acollerá unha visita guiada polos terreos portuarios, que se abren deste xeito á cidadanía; un coloquio e, como peche, o concerto do grupo musical de fusión Ombligo, liderado polos madrileños Anika e Ángel Cáceres. As entradas para a ocasión xa están á venda a través da plataforma www.enterticket.es.

festival Sinsal SON Estrella Galicia, coñecido pola diversidade de procedencias e de estilos musicais das bandas e solistas que participan no evento, e Kaleido Logistics aúnan esforzos, por segundo ano consecutivo, para ofrecer unha xornada que poña en valor os océanos, alén da súa relevancia na superficie do planeta, como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural. Por estas grandes masas de auga, que serviron -e seguen a servir- para o intercambio de recursos, hoxe en día navegan grandes bloques de granito e outras mercancías que, de camiño a distintos lugares do mundo, fan escala en Vigo. Polo seu volume e forma poden parecer semellantes, mais no Escenario Océano o público descubrirá que, pola súa composición, textura e cor, cada bloque pode ser diferente.

Escenario Océano naceu no Sinsal 2023 como epílogo do mesmo e coa intención de tender pontes entre unha e outra edición, coa ollada posta na relevancia e celebración dos océanos. Desde xeito, se o ano pasado o Mosteiro de Oia foi o escenario no que se sucederon as actividades divulgativas e musicais que clausuraron o festival, este ano a acción trasládase á xornada de apertura e, como escenario, terá un dos piares do patrimonio industrial de Vigo: o seu porto. Este encontro e traballo conxunto entre Sinsalaudio e Kaleido Logistics mantén activa a rede de alianzas que Sinsal estableceu estes anos con entidades e institucións de proximidade na Ría de Vigo.



Programa do Escenario Océano

A xornada do 25 de xullo comezará ás 20.30 horas cunha visita guiada ao porto vigués, espazo estratéxico de gran valor económico e social para a cidade. Concretamente, as e os asistentes visitarán as instalacións de Kaleido Logistics situadas nos terreos portuarios, zona na que cada día acontece unha parte moi relevante da actividade industrial da cidade e que, en ocasións, resulta descoñecida para a súa veciñanza.

O público, dividido en catro grupos, realizará un percorrido guiado a través dos materiais e grandes bloques de granito presentes nesa zona portuaria. Durante a visita, cuxo acceso e saída será a través do ‘Tinglado’ do porto, as e os asistentes achegaranse á xeoloxía deses monolitos xigantes, ao proceso loxístico que transcorre ata que chegan ao chan vigués e outros detalles da actividade industrial local. A actividade finalizará cunha pequena conversa e cunha intervención musical singular no peche, a partir das 21.45 horas, que chegará da man do dúo madrileño Ombligo, caracterizado pola fusión estilística; e no que, polos seus temas, flúe o folclore balcánico, o bolero ou mesmo o jazz contemporáneo.

As entradas para acceder ao Escenario Océano do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, cuxa actividade se desenvolverá a partir das 20.30 horas do 25 de xullo, están dispoñibles desde hoxe, a partir de 15 euros (máis gastos de xestión) a través da plataforma en liña www.enterticket.es.

Polas características do espazo de realización da actividade -zona de actividade industrial-, a organización non recomenda a asistencia de menores á mesma, convida a levar calzado cómodo e pechado, e lembra que non estará permitido fumar nas instalacións portuarias.

Hora

(Xoves) 20:30

Localización

Terminal Kaleido Logistics - Porto de Vigo

Muelle Arenal, Almacén 1, 36201 Vigo

Está pasando!