‘Iribarne’ | @ Geraldine Leloutre

'Iribarne: xira despedida' en Cangas

sáb30mai20:00'Iribarne: xira despedida' en Cangas'Hai que ir morrendo'20:00 Auditorio Municipal de Cangas - Cangas

Detalles do Evento

O sábado 30 de maio ás 20:00 horas, a xira despedida de ‘Iribarne’, a nova creación escénica de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira chega ao Auditorio Municipal de Cangas.

A peza conta con un elenco conformado por Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge Arcos e a propia Esther F. Carrodeguas.

Iribarne é un tipo nado na mesmísima vila de Rouco Varela (si: o cardeal) durante a Monarquía de Alfonso XIII (o primeiro promotor do cine porno en España?, si-si: ese). Emigrado a Cuba con tan só un aniño -coincidindo con inauguración da ditadura de Primo de Rivera- tras facer as Américas durante un par de anos o noso protagonista volve triunfante para ser o fillo do alcalde (e o da francesa!).

Empeza o bacharel coa entrada da II República, case-case se fai cura durante a Guerra Civil pero decide liscar a Madrid -seguindo o rastro doutro galego ilustre- nada máis inaugurada a Era do Devandito (si, claro: O Caudillísimo). Con tanto afán tentou ser como o que máis pronto que tarde chegou a ser Ministro no seu mandato, a pesar de ter disparado dous días antes contra o cu da súa filla (pero que dis!? Si-si: dato real!).

Sendo o primeiro e mellor opositor de España, quixo substituír ao Caudillo cando este morreu. Non puido ser: non ía por oposición. Tivo que conformarse co cargo de Vicerrei na súa querida Terra Galega.

‘Iribarne’ é unha investigación escénica sobre unha desas figuras absolutamente imprescindibles do noso pasado recente. Un intento (irreverente) por comprender como chegamos até aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón. Pero ollo: por máis que o poida parecer, isto non é un biopic sobre Manuel Fraga. Teríanos encantado facelo… pero non collía nunha soa obra!

Entradas anticipadas á venda dende 16,60 euros en Ataquilla.com

Hora

(Sábado) 20:00

Localización

Auditorio Municipal de Cangas

Avenida de Lugo, 27A, 36940 Cangas, Pontevedra

Está pasando!