Madamas e Galáns bailando na Foliada Eferro de Merza | Asociación Entroido de Cobres

Presentación do Entroido de Cobres en Vilaboa

dom08feb11:00Presentación do Entroido de Cobres en Vilaboa Bértola, Figueirido, Postemirón, Paredes e Salinas do Ulló 11:00 Concello de Vilaboa - Vilaboa

Detalles do Evento

Vilaboa prepárase para vivir este domingo unha das xornadas máis simbólicas do seu calendario cultural: a presentación polas parroquias do Entroido de Cobres, unha tradición centenaria que cada ano transforma o municipio nun escenario de música, cor e emoción colectiva.

A cita chega nun momento especialmente significativo, despois dun 2025 no que madamas e galáns protagonizaron un fito sen precedentes ao cruzar por primeira vez as fronteiras da península ibérica para participar no Festival Identidades de Fonni, en Cerdeña, levando consigo a estética, o simbolismo e a delicadeza dun dos entroidos máis singulares de Galicia.

Aquel encontro abriu a porta á internacionalización do Entroido de Cobres e todo apunta a que este 2026 continuará ampliando horizontes.

O ano pasado foi, en realidade, un auténtico percorrido de honra para esta celebración ancestral. As súas danzas, a súa música e a súa posta en escena —únicas no panorama dos entroidos tradicionais— protagonizaron unha intensa axenda de promoción cultural que levou a comitiva a Oropesa del Mar, ao ViboMasck de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, ao Desfile da Máscara Ibérica en Oporto, ao encontro dos Xenerais da Ulla en Angrois, á Foliada Eferro en Merza, ao Desfile de Entroidos Tradicionais en Santiago e ao I Encontro de Entroidos do Sur de Pontevedra celebrado en Bueu.

Cada unha destas paradas serviu para reafirmar o valor patrimonial dun entroido que non só conserva unha estética refinada e unha coreografía propia, senón que encarna unha identidade colectiva profundamente arraigada na memoria e no sentir da veciñanza.

Con este bagaxe ás costas, o regreso ás parroquias de Vilaboa convértese nun acto de celebración e recoñecemento. Este domingo, a comitiva iniciará o seu percorrido ás 11:00 horas na Capela de Santa Marta de Bértola, continuará ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Figueirido e ás 13:00 horas no Campo da festa de Postemirón, para retomar pola tarde ás 16:00 horas na Carretera vella de Paredes e culminar ás 17:00 horas nas Salinas do Ulló.

Será un encontro directo coa xente, un xeito de compartir ilusión, de anunciar que o Entroido xa está aquí e de lembrar que esta tradición vive grazas ao compromiso das familias, das agrupacións culturais e de todas as persoas que, ano tras ano, manteñen viva unha das xoias do patrimonio inmaterial galego.

O Entroido de Cobres non é só un espectáculo visual; é unha expresión artística e comunitaria que fala de identidade, de memoria e de futuro. E este domingo, Vilaboa volverá sentir ese latexo que o converte nun dos entroidos máis admirados dentro e fóra de Galicia.

Hora

(Domingo) 11:00

Localización

Concello de Vilaboa

Está pasando!