Proxección de 'A Loba' en Pontevedra

mar05nov20:30Proxección de 'A Loba' en PontevedraCINECLUBE PONTEVEDRA20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 5 de novembro, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘A Loba’ (The Little Foxes, Wylliam Wyler, 1941, EE UU, 116 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

Finais do século XIX, sur dos EE UU. Os irmáns Hubbard, Oscar (Carl Benton Reid), Ben (Charles Dingle) e Regina (Bette Davis), planean enriquecerse cunha fábrica de algodón que explote man de obra barata. Cando o marido de Regina, Horace Giddens (Herbert Marshall), un home honrado e doente, se nega a participar no seu financiamento, comezan as maquinacións familiares para conseguir o seu obxectivo. No medio da asfixiante atmosfera creada pola ambición desmedida dos tres irmáns, Herbert só atopará consolo no amor da súa filla.

Wyler levou á pantalla con mestría a obra teatral homónima da dramaturga estadounidense Lillian Hellman, que fora un dos grandes éxitos comerciais de Broadway en 1939. Contou coa propia autora para a adaptación do guión e coa suprema interpretación de Bette Davis no papel protagonista. O filme obtivo nove nominacións aos Oscar, incluíndo mellor filme.



Cineclube Pontevedra dedícalle o mes de novembro a un dos máis grandes e populares directores de cinema clásico de Hollywood: William Wyler (1902 -1981). Wyler, que soubo coma ninguén ensamblar o comercial e o artístico, foi un referente na experimentación coa profundidade de campo e tamén na adaptación de textos literarios ao cinema.

Proxectaranse tres obras icónicas do director, nas que dirixiu con mestría estrelas do talle de Bette Davis (A Loba), Olivia de Havilland (A herdeira) ou Audrey Hepburn e Shirley MacLaine (A calumnia), e nas que adapta obras da dramaturga Lillian Hellman (A loba, A calumnia) e de Henry James (A herdeira).

Pola súa banda, as sesións de filmoteca dos luns terán tamén unha forte compoñente literaria. Trátase de cadansúa aproximación de carácter documental a dúas importantes figuras literarias: Annie Ernaux, a gañadora do Nobel de Literatura en 2022 e unha das máis recoñecidas escritoras contemporáneas, que asina xunta o seu fillo David Os anos Super 8; e o estadounidense Wallace Stevens (1879-1955), figura fundamental da poesía en lingua inglesa do século XX, arredor da que orbita a hipnótica A Foreign Song, asinada polo cineasta galego César Souto.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!