Proxección de ‘ABC da greve’ en Pontevedra

lun28abr20:30Proxección de ‘ABC da greve’ en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O luns 28 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘ABC da greve’ (Leon Hirszman, 1979-1990, Brasil, 100 min., VOSE), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

Documental que rexistra a primeira folga xeral do Brasil logo da implantación do Auto Institucional núm. 5 polo réxime militar. Na rexión do ABC paulista, o 13 de marzo de 1979 arredor de 180 000 obreiros do sector metalúrxico interrompen a produción conducidos polo sindicato, liderado entón por Luis Inácio «Lula» da Silva.

Filmado en 16 mm e baixo un sistema cooperativo, o filme recolle as imaxes do movemento obreiro das grandes fábricas automobilísticas e multinacionais na loita por mellores salarios e condicións de vida, e en plena construción da súa identidade política.

O proxecto foi concluído postumamente entre 1989 e 1990, trala prematura morte de Hirszman, polo fotógrafo Adrian Cooper e co apoio da Cinemateca Brasileira.



A programación de abril do Cineclube Pontevedra contará con dúas recentísimas estreas. ‘Grand Tour’ (2024), o último traballo do portugués Miguel Gomes, que se alzou no último festival de Cannes co Premio á Mellor Dirección, poderá verse o martes 1.

A nova proposta do portugués é unha arrebatadora viaxe polo sueste asiático, en palabras de Elsa Fernández-Santos «de principio a fin unha oda á beleza que emana de toda tristura, esa saudade portuguesa que este filme eleva a monumento».

O martes 29 será a quenda de ‘Vermiglio’, o último traballo da directora italiana Maura Delpero, que foi gañador do Gran Premio do Xurado no Festival de Venecia de 2024. Un aquel de léxico familiar da directora ambientado nos Alpes italianos e co escenario da Segunda Guerra Mundial ao lonxe, aínda que ben presente na vida das que non van ao campo de batalla: mulleres, crianzas, maiores, mestres ou sacerdotes.

As sesións de filmoteca de abril dedicaránselle ao cineasta brasileiro Leon Hirszman (1937-1987), membro precoz do Cinema Novo e considerado no seu seo como a conciencia política do movemento. Hirszman interesouse por temas queridos pola esquerda na primeira metade dos anos setenta, deulle protagonismo nos seus filmes ao suxeito proletario e expuxo no seu cine os mecanismos de opresión capitalista.

Proxectaranse ‘Eles Não Usam Black-Tie’ (1981) o 7 de abril, unha das grandes triunfadoras do Festival de Venecia de 1981, e o documental ‘ABC da greve’ (1979-1990), cun novísimo Lula da Silva liderando as folgas das grandes fábricas automobilísticas no ano 1979.



Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Luns) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!