Proxección de 'Lúa de papel' en Pontevedra

mar28xan20:30Proxección de 'Lúa de papel' en PontevedraCINECLUBE PONTEVEDRA20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 28 de xaneiro, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘Lúa de papel’ (‘Paper Moon’, Peter Bogdanovich, 1973, 102 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

Durante a época da Gran Depresión e a Lei Seca, Moses Pray, un estafador de pouca monta, gáñase a vida vendéndolles biblias a mulleres viúvas. Contra a súa vontade, faise cargo de Addie, filla dunha antiga amante falecida, que o acompaña e aprende axiña as malas artes do oficio. Ambos establecen unha estreita relación mentres se dirixen a St. Louis, nunha viaxe na que se cruzan con artistas de feira, policías corruptos, hillbillies e contrabandistas

Inspirada na novela ‘Addie Pray’, de Joe David Brown, o filme conta cun brillante branco e negro fotografado polo húngaro László Kovács e un elenco memorable: Ryan e Tatum O’Neil asumen, como na vida real, os papeis de pai e filla. Foi a estrea no cinema de Tatum, que con 10 anos gañou o Oscar á mellor actriz secundaria.



Cineclube Pontevedra estrea a programación de 2025 cun ciclo dedicado a Peter Bogdanovich (1939-2022), figura central do novo Hollywood que emerxe nos anos 70.

Cinéfilo obsesivo cunha fonda admiración polo cinema clásico americano, Bogdanovich amalgamou a modernidade dos novos tempos e a herdanza do clásico, revisitando xéneros xa en desuso. Foi, ademais, actor, produtor, autor de numerosos estudos cinematográficos e responsable dun valioso legado en forma de entrevistas a cineastas, publicadas en varios volumes, entre os que destacan os seus libros sobre Orson Welles e John Ford.

Durante o mes de xaneiro proxectaranse no Cineclube tres dos seus títulos máis icónicos dos anos 70: ‘A última película’ (1971), ‘Que pasa, doutor?’ (1972) e ‘Lúa de papel’ (1973), obras que poñen en evidencia un discurso sobre a forma do cinema e sobre o que, a partir dela, se revela da historia da sociedade americana.

As tres sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal, o luns 13, martes 21 e martes 28, en versión orixinal subtitulada en español.

As cotas para asociarse ao Cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!