Proxección de 'Palombella rosa' en Pontevedra

mar16set20:30Proxección de 'Palombella rosa' en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O Cineclube Pontevedra inicia unha nova tempada o martes 16 de setembro coa proxección do filme ‘Palombella rosa’ (Nanni Moretti, 1989, 89 min., VOSE, lingua orixinal: italiano).

Será como sempre, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

O dirixente comunista e xogador de waterpolo Michele Apicella (álter ego de Moretti en anteriores filmes) perde a memoria tras un accidente. Sen recuperala aínda, viaxa a Sicilia para xogar un partido durante o que van aflorando algunhas lembranzas da infancia e dos seus comezos no PCI. Isto provoca en Michele reflexións sobre política, sobre os medios de comunicación, o cinema ou a propia vida.

Con moito humor e unha libérrima narrativa, con música de Battiato e homenaxe a ‘Doutor Zhivago’, Moretti constrúe unha xenial metáfora sobre a crise do Partido Comunista Italiano e da militancia da esquerda durante a Guerra Fría.

O filme estreouse en 1989 no Festival de Venecia —onde obtivo o premio Bastone Bianco—, dous meses antes da caída do muro de Berlín e do derrubamento do PCI.


No mes de setembro volve o curso cineclubeiro, desta volta con tres divertidísimas comedias pasadas por auga e asinadas por Nanni Moretti, Howard Hawks e Takeshi Kitano. Poderemos velas os martes 16, 23 e 30.

Ademais, retómanse os luns de filmoteca, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, coa proxección da primeira longametraxe da directora india Payal Kapadia, que se proxectará o luns 22.

Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.



Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!